DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Botubol, Alejandro

 

Bilbao, 1971

Fotógrafo

Verde Barro

Na pintura de Alejandro Botubol a quietude é a anamnesis do clásico, do resolto en perfecta orde, pero a exégesis do seu traballo desvélase no contrario, na emoción que se confronta como condición do non resolto, dese lugar capaz de vibrar na mirada. Por iso reivindica o achado serendípico dos seus atardeceres no seu estudo, cando a cor treme e a luz asómase para retirarse. Os seus Tapes son bodegóns de cintas —de carrocero, de embalar, americana de cores…—, pero son naturezas mortas que se sitúan nunha paisaxe de cor feita luz, unhas imaxes mentais ou construcións sensibles que son moito máis que fondos, distanciándonos da aparencia nunha persecución moi consciente da atmosfera desexada —quizais rememorando os seus inicios na pintura au plein air—. A cor é así o son interior destas Tapes, a sutil densidade da memoria do estudo. Se en anteriores traballos foron eclipses e paisaxes, nas súas obras máis recentes estas cintas son unha sorte de imaxinería que conducen ao artista ao universo do barroco. A experiencia da luz que entra no atardecer pola xanela do seu estudo, sempre unha luz diferente, transfórmase en paisaxe, en pintura. Porque a luz sempre foi capaz de descubrir os espazos e os obxectos, pero tamén de encartalos con xogos de claroscuro. Neste caso, esta reafirma a presenza do obxecto e o artista abandónase así a unha viaxe sen moverse do sitio, deixando que a pintura ocorra, que teña lugar.