DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Depero

 

Artista e deseñador

Italia, 1892-1960

Depero Futurista

Ed. fascimilar de Thames&Hudson

Se atendemos á relación entre arte e deseño gráfico, se alguén destacou dentro desa hibridación foi Fortunato Depero, que en 1915 asinara con Giacomo Balla o manifesto A reconstrución futurista do universo. Deseñador de carteis, tipógrafo e publicista, evolucionará do realismo social ao futurismo tras o impacto que lle produce a revista Lacerba. En 1927 realizará as dúas achegas craves da súa contribución á historia. Por unha banda, o pavillón que deseña para editores na Feira Internacional de Artes Decorativas de Monza. Por outro, a publicación do seu libro Depero futurista, un libro de artista que propuña novas formas para a publicidade. Na súa portada dous grandes pernos cromados salientan a súa condición de obxecto, á vez que anuncian a apropiación de elementos de produción industrial que se tornará práctica habitual en posteriores traballos futuristas. A Depero débenselle algúns dos máis interesantes anuncios de Campani ou Magnesia S. Pellegrino, así como portadas de revistas como Vogue, Vanity Fair, Sparks ou Movie Makers. Para Depero a arte do futuro era publicitaria.