DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Deseño de identidade para a compañía Pazo de Vilane

 

Pepe Barro, Lia Santana e Xosé Salgado

Deseño de identidade para a compañía Pazo de Vilane

Pazo de Vilane é unha empresa familiar aberta en 1996 e convertida en pioneira na produción de ovos campeiros de galiñas en liberdade. Entre os seus valores atópanse a activación e desenvolvemento do rural e a recuperación do patrimonio e a cultura desde o respecto polo medio. Estes principios acóllense ao paraugas do deseño e a produción artesanal como mecanismo para achegar ao público os intereses da marca. Conscientes da necesidade de coidar o deseño, encargaron ao Grupo Revisión a tarefa de transmitir graficamente as súas liñas diferenciais. Neste sentido, é significativa a proposta de oveira, que foxe dos formatos ríxidos tradicionais e das clásicas fotografías que ilustran este tipo de envases para dar forma a unha sinxela caixa de ovos de cartón que se converteu en icona da marca. Deseñada en 1997, na parte frontal destaca a ilustración dunha galiña verde formulada case a modo de pictograma, mentres o lateral recolle o nome da empresa xunto a unha folla de loureiro. A aposta polo verde como único compoñente cromático, a calidez do material, a conexión co universo do artesanal e coa tradición galega situaron este produto nun modelo de éxito, exposto en diferentes mostras a nivel nacional e internacional.