DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Destructuras 007

 

Bilbao, 1971

Fotógrafo

Destructuras 007

Fotografía entre aluminio e metacrilato brillo 250 x 100 cm / Ed. 3.

 

Aitor Ortiz ausculta os límites entre realidade e representación a partir dun dominio da técnica fotográfica que lle permite expandir os seus límites en moi diversas direccións. Tras especializarse como fotógrafo de arquitectura, o seu traballo artístico apóiase na obxectividade da disciplina arquitectónica desde a subxectividade analítica da fotografía, o que lle permite xerar espazos intermedios e indagar nas fisuras ou intersticios que xorden da confrontación de ambas. Se a súa materia prima é o espazo, este proxéctase e explora desde o físico e desde o mental xerando opcións intermedias a partir das posibilidades de cada medio; xa sexa a textura e temperatura que emana da atmosfera arquitectónica, do material; ou as cuestións perspectivas e xogos de escala que se provocan desde o fotográfico, desde o inmaterial. Se nos seus últimos traballos lémbranos que a intensidade non garda relación co formato e a incerteza poténciase polo carácter encriptado das imaxes, unha vez que non conseguimos saber se as formas experimentan un estado de emersión ou se pola contra están en proceso de desaparición, nos seus primeiros traballos evoca o monumental, como advertimos na súa serie Destructuras, nas que se prescinde da idea de locus concreto para retratar unha arquitectura sen espazos, sen lugares concretos de pertenza. Nestas fotografías o interese pola arquitectura céntrase plenamente na propia forma, na tipoloxía pura facendo unha reinterpretación subxectiva da forma baleira.