DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Europa

 

Artista e deseñador

Italia, 1892-1960

Depero Futurista

Ed. fascimilar de Thames&Hudson

Se atendemos á relación entre arte e deseño gráfico, se alguén destacou dentro desa hibridación foi Fortunato Depero, que en 1915 asinara con Giacomo Balla o manifesto A reconstrución futurista do universo. Deseñador de carteis, tipógrafo e publicista, evolucionará do realismo social ao futurismo tras o impacto que lle produce a revista Lacerba. En 1927 realizará as dúas achegas craves da súa contribución á historia. Por unha banda, o pavillón que deseña para editores na Feira Internacional de Artes Decorativas de Monza. Por outro, a publicación do seu libro Depero futurista, un libro de artista que propuña novas formas para a publicidade. Na súa portada dous grandes pernos cromados salientan a súa condición de obxecto, á vez que anuncian a apropiación de elementos de produción industrial que se tornará práctica habitual en posteriores traballos futuristas. A Depero débenselle algúns dos máis interesantes anuncios de Campani ou Magnesia S. Pellegrino, así como portadas de revistas como Vogue, Vanity Fair, Sparks ou Movie Makers. Para Depero a arte do futuro era publicitaria. 

 

 

Paul McNeil (Londres,19xx)

Deseñador tipográfico e teórico.

Eye 94 (6965/8000)

O estudio MuirMcNeil céntrase na exploración de métodos sistemáticos e xenerativos en deseño tipográfico, deseño gráfico e imaxe en movemento. Mestres do impredicible, a súa achega no deseño do n.º 94 da revista Eye é un exemplo representativo. Esta portada e contraportada son unha das 8000 pezas numeradas diferentes de ilustracións impresas dixitalmente nunha máquina HP Indigo 10000, en Pureprint e usando HP Mosaic, un programa que permite a impresión de data variable baseada nun só arquivo vectorial «semente». Mosaic permite cambiar o tamaño, rotar e cambiar a paleta de cores da ilustración, recortando para que cada arquivo de portada sexa único. MuirMcNeil conxugan o misterioso e o matemático, o experimental e o ilexible, cuns deseños tan preto dos carteis que Wim Crouwel realizará para o Stedelijk Museum como da pintura cinética de Eusebio Sempere. Paul McNeil é un prestixioso deseñador tipográfico e teórico. Entre as súas publicacións, destaca The Visual History of Type (2017). Foi director do MA Contemporary Typographic Media no London College of Communication. Hamish Muir foi coeditor da revista de tipografía Oitavo (1986-92), cofundador do estudio de deseño gráfico londiniense 8 vo (1985- 2001) e profesor no London College of Communication de 2001 a 2019.

 

Lisboa, 1971

Artista.

Intuitive Tridimensional Form

Un dos conceptos orixinais que estivo sempre presente nos traballos da portuguesa Mónica Capucho é a palabra, que utiliza para resaltar os elementos visuais que coexisten nas súas composicións xeométricas compostas por raias, reixas ou cadrados. Estas frases repetidas son utilizadas para subliñar as imaxes representadas. As expresións resáltanse sobre superficies con calidades variadas, brillantes, opacas, lisas ou con texturas, como se pode intuír sobre a superficie en branco da obra Intuitive Tridimensional Form, na que artista busca un vínculo entre a imaxe e a palabra, onde unha transfórmase en texto e a outra se visibiliza, reflexionando sobre o papel da construción da propia pintura.

 

Finlandia, 1927-2001

Deseño téxtil Isot Kivet

Fabricante: 
Marimekko

Pintora e deseñadora téxtil, Maija Isola foi unha das creadoras dos téxtiles máis icónicos do século xx. Traballando na compañía téxtil Printex, deseñou para decoración algunhas pezas inspiradas na arte africana mesturadas con motivos populares eslovacos. Tamén é posible recoñecela polas súas formas xeométricas, cos seus icónicos debuxos de óvulos concéntricos de diferentes cores inspiradas na forma dun melón cortado, como se reflicte nos seus deseños téxtiles, como Isot Kivet, que parte desa concepción abstracta. Os seus patróns engloban tanto ao minimalismo xeométrico como a unha expansión cromática.

 

Italia, 1960

Arquitecto e deseñador.

Lámpada Bourgie (Black)

Este arquitecto e deseñador italiano colabora con empresas tanto do sector do mobiliario como o da moda, ademais de ocuparse do deseño de produtos. Introduciuse no mundo da iluminación revolucionándoo, creando lámpadas-escultura que con elementos bidimensionais creaban volumes tridimensionais, como se advirte na lámpada Bourgie, que supón un notable exemplo de deseño na iluminación moderna. Esta creación foi producida pola firma italiana Kartell, onde a creación parte da investigación nos procesos estéticos e produtivos relacionados co deseño industrial. Con esta liña búscase xerar obxectos que formen parte da paisaxe cotiá, facendo revivir unha lámpada de mesa clásica, con elementos contemporáneos e cunha estética barroca e algo irónica de reminiscencias pop. O seu deseño fai que se adapte perfectamente tanto a ambientes clásicos, modernos ou rústicos.

 

Finlandia, 1932 

Deseñador de mobiliario e de interiores.

Puppy

Fabricante: 
Magis

O interese e curiosidade deste deseñador finlandés polos materiais plásticos levoulle a concibir un mobiliario innovador que rompía coas convencións tradicionais do deseño da época dos sesenta, onde predominaban as liñas e ángulos sobrios. Así, torceu as regras e redondeou as esquinas creando cadeiras de brazos de plástico e de fibra de vidro, moldeándoos e creando formas extraordinarias. Moitos deles convertéronse en iconas do deseño e as súas creacións expóñense en museos como o MoMa ou o Vitra Design Museum. As súas investigacións cos materiais producen obxectos imaxinativos e, ao mesmo tempo, ergonómicos. Aínda hoxe Aarnio continúa creando deseños extravagantes, entre os que está Puppy, producido por Magis, unha obra fabricada en policarbonato modelado que serve tanto para ser utilizada como asento como para ser un xoguete para nenos.

 

Alemania, 1932

Deseñador industrial.

Secador de pelo HLD 4

Este deseñador industrial alemán é un dos personaxes craves no deseño funcionalista, levando á marca Braun ao racionalismo, que pronto se converteu no que caracterizaría e identificaría a todos os seus produtos. O seu estilo sobrio nútrese da corrente estética Gute form, que predica un deseño libre de adornos. Ao mesmo tempo é considerado unha influencia esencial para Jonathan Ive, xefe de deseño da compañía Apple. Para Rams todo bo deseño é innovador e a súa finalidade primordial é a súa utilidade, pero sen faltarlle beleza. O secador de pelo HLD 4 (1970) simplifica a estrutura do produto e prepárao para expresar claramente a súa función mediante a intuición do usuario, distinguíndose pola súa austeridade á vez que fomentando un lugar de expresión para o consumidor co seu xogo cromático.

 

Lisboa, 1968

Artista

Pillow talk

O traballo de Sandra Bahía é herdeiro da postulados da arte minimalista histórico, que a pesar de ter un arco cronolóxico breve, que poderiamos circunscribir á segunda metade da década dos setenta en Nova York, diseminará o seu legado dun modo expandido no tempo e os seus lugares de incidencia. O uso de materiais industriais preparados, un estrito rigor estrutural ou unha estética reductiva, son características que permaneceron desde entón, pero desde unha sorte de post-minimalismo como o emprendido por Bahía. Utilizando unha gran gama de materiais, técnicas e medios industriais, a artista xoga coa metáfora dunha industria posmoderna fracturada. Durante a súa traxectoria, os seus procesos pasan do bidimensional ao tridimensional, da pintura ao obxecto no espazo e da figuración á abstracción. A peza Pillow talk é un referente deste xogo entre o pictórico e o escultórico, que a artista é capaz de levar á gran escala ou, neste caso, á pequena escala, onde a medida ten menos relevancia que o seu peso visual.

 

Portugal, 1974

Artista

Intimacy

2005. Fotografía. 90x125 cm

 

Nas obras de Rita Magalhães nada resulta espectacular. No fondo, do que se trata é de reconstruír unha serie de memorias a partir de obxectos e de tempos cargados dunha vida recitada desde a nostalxia do perdido. Nas súas fotografías eterniza o momento no que poderiamos definir como estratexia de intensificación da realidade. O xesto máis leve deixa de ser rutina para mostrarse como momento ou acontecemento case encantado. Porque o que nos propón Rita Magalhäes é unha viaxe íntima, á maneira do máis puro interior holandés, ese que se debuxa entre limiares, con figuras fráxiles e solitarias que, con todo, e a pesar da súa aparente intimidade e recollemento, semellan estar nunha estudiadísima preparación. Esa atractiva ambigüidade resulta obvia nas súas series in door Amélia ou Intimacy, auténticas reconstrucións dun imaxinado pasado. Os referentes pictóricos son indubidables. Tamén ese afán por mostrar o cotián desde o refinamento sensual máis sinxelo. Rita Magalhäes conxela os momentos para capturar o pequeno detalle, envolvido nun particular aire de melancolía. Cada foto é un xesto, unha anécdota que se revela non só na acción da figura senón no estudado espazo, na escena. Nesta conxunción é onde intuímos unha inclinación polo Vermeer tardío, capaz de dominar unha luz lateral que atravesa o espazo e de matizar a perspectiva. Espellos, ventanas, sombras, reflexos... mergúllannos nese tempo detido, nunha espiral de temporalidade que nos domina.

 

París, 1949

Deseñador industrial

Juicy Salif

Fabricante: 
Alessi

Deseñador industrial e arquitecto, Philippe Starck é un innovador tecnolóxico recoñecido pola utilidade e estética nos seus deseños. Nos seus proxectos chaman a atención as súas formas extravagantes, as cores cegadoras e o uso de materiais pouco usuais. Perséguelle a constante de ir máis aló do convencional, de progresar e de evolucionar. O seu proceso de traballo é un estado semiconsciente, aí é onde atopa a claridade nos seus deseños. Os seus produtos céntranse na experiencia que lle proporcionará ao usuario. Tanto é así que o seu mítico exprimidor Juicy Salif, producido para Alessi está pensado para «iniciar conversas» cunha notable reflexión formal e innovadora que se afasta totalmente da forma tradicional da acción de espremer.

Páxinas