DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Galicia

 

A Coruña, 1978 

Artista e ceramista

Fenda

Gres, óxidos e porcelana 34x30x6 cm

Verónica Moar é ceramista e artista multidisciplinar. O seu é un traballo poético, que respecta o oficio. Un traballo que busca o esencial, pero que conta historias, dun modo moi narrativo, talvez porque procede do mundo das letras e por iso aplica unha sorte de linguaxe persoal, que se enmarca no vivido, na memoria como punto de partida. Exposicións súas como Lítica reúnen o artesanal, o poético-narrativo e o performativo, tres características apegadas á súa traxectoria na cerámica creativa, para conformar unha reflexión sobre as fronteiras actuais da cerámica como material pero tamén como recurso expresivo. Apegada a interpretar a paisaxe como materia e como forma, Verónica Moar tómao como punto de partida, pero tamén de chegada, abrazando Galicia como laboratorio natural.

 

Fábrica conservera fundada en Bueu en 1816

Conservas Massó

Lata de conservas Kairel, fabricadas por Massó Hermanos, S.A., ca. 1955

As primeiras décadas do século xx, a industria do deseño tivo na industria conserveira un dos seus sectores máis cómplices, xunto aos servizos de transporte a América e a súa publicidade. As latas de conservas converteranse no principal soporte para a autopromoción e para o detalle ornamental, xa que proporcionan un aspecto atractivo para o produto acorde con estilos decorativos internacionais. Pretendíanse produtos capaces de convivir harmonicamente nos fogares e de proxectar unha vida mellor, o cal resulta significativo se pensamos no carácter humilde dunha simple lata de conservas. Neste sentido, será, sobre todo, a firma Massó a que consiga un maior músculo internacional. A fábrica Massó xa contaba en 1924 cun coidado catálogo ilustrado e maquetado por Federico Ribas onde se explicaban moi graficamente todas as súas marcas. Entre outras, destaca Kairel, preparada ex profeso para mercados americanos e ilustrada cunha esfinxe e unha palmeira, evocando un exótico aire exipcio.

 

Pepe Barro, Lia Santana e Xosé Salgado

Deseño de identidade para a compañía Pazo de Vilane

Pazo de Vilane é unha empresa familiar aberta en 1996 e convertida en pioneira na produción de ovos campeiros de galiñas en liberdade. Entre os seus valores atópanse a activación e desenvolvemento do rural e a recuperación do patrimonio e a cultura desde o respecto polo medio. Estes principios acóllense ao paraugas do deseño e a produción artesanal como mecanismo para achegar ao público os intereses da marca. Conscientes da necesidade de coidar o deseño, encargaron ao Grupo Revisión a tarefa de transmitir graficamente as súas liñas diferenciais. Neste sentido, é significativa a proposta de oveira, que foxe dos formatos ríxidos tradicionais e das clásicas fotografías que ilustran este tipo de envases para dar forma a unha sinxela caixa de ovos de cartón que se converteu en icona da marca. Deseñada en 1997, na parte frontal destaca a ilustración dunha galiña verde formulada case a modo de pictograma, mentres o lateral recolle o nome da empresa xunto a unha folla de loureiro. A aposta polo verde como único compoñente cromático, a calidez do material, a conexión co universo do artesanal e coa tradición galega situaron este produto nun modelo de éxito, exposto en diferentes mostras a nivel nacional e internacional.

 

A Coruña,1986.

Artista.

El duelo

2017. Carbón e aceite sobre madeira de piñeiro, aceiro e formigón.

Dous moldes brancos e bastos de formigón dos propios puños do artista apóianse sobre dous soportes piramidais de aceiro enfrontados como peóns de xadrez, unidos horizontalmente por un traveseiro trapezoidal de madeira de piñeiro patinada con carbón e aceite que repousa no chan. A través da polisemia do termo «duelo», este traballo podería comprenderse como un combate entre dúas partes enfrontadas ou como unha reunión de dúas persoas para velar a un terceiro que xace sobre o chan. Nas obras de Christian García Bello a forma estrutura a narración e a poética do material dálle o contido para que esta se creza de forma polisémica e multidireccional. Emprega aquí o formigón —material que se inventou o ser humano para colmar o seu anhelo de fabricar pedra; un material vivo, que envellece, protagonista da Revolución Industrial e clave na era xeolóxica do impacto do ser humano na Terra—, o aceiro —o metal proletario— e a madeira de piñeiro —común, austera e reservada historicamente para os cadaleitos máis humildes—.

 

A Coruña, 1977

Deseñador gráfico

Pictogramas Olímpicos para The Washington Post

Álvaro Valiño é infografista, ilustrador e deseñador gráfico. Traballa de forma independente para clientes de todo o mundo como National Geographic Magazine, The Washington Post, The Guardian, Corriere della Sera ou Revista Mongolia, entre outros. O seu traballo recibiu máis de trinta premios Malofiej. Entre os seus deseños, destacan os pictogramas sobre os Xogos Olímpicos de Río (2016) realizados para The Washington Post, que buscaban unha identidade visual sólida, afastada do estilo habitual. Xerou así un conxunto de pictogramas xeométrico, reducindo o corpo humano ás súas formas esenciais e baseándose no home de Vitrubio para definir as proporcións. Empregou a circunferencia en referencia aos cinco aneis que compoñen o emblema olímpico construíndo o corpo a partir de liñas e empregando o negro para a figura humana e a cor para os elementos deportivos.

 

Barcelona, 1969.

Artista.

Cinemascope

2012. Acrílico sobre tea. 40x80 cm

Vítor Mejuto non é un pintor á moda, moi ao contrario, deixouse seducir polos seus «lugares» cando pinta dun modo tan firme e cando soubo ampliar ese repertorio para asumir os doutros e indagar reflexivamente sobre eles. Se preguntamos sobre os seus referentes, podería desdobrar a súa lista e comezar citando innumerables artistas entre os que seguramente se escoitarían nomas como o de Frank Stella, Palazuelo, Mondrian ou Josef Albers. Unha das achegas máis interesantes da súa obra apreciámola en Cinemascope, e radica na capacidade de transmitir a sensación de orde sen disimular as liñas anteriores á imaxe, obrigándonos a compartir as imperfeccións que rodean os procesos previos ao traballo acabado. 

 

Vilaboa, 1936.

Artista e deseñador.

ZAP Comix

Nº  0, 2, 5 e 6

Artista e deseñador, Victor Moscoso desenvolveu a maior parte do seu traballo en Estados Unidos e está considerado como un dos referentes do deseño psicodélico. O seu imaxinario creativo vai conseguir revolucionar o deseño do século xx. Formado no Industrial Art Institute de Manhattan, na escola Cooper Union e na Escola de Arte da Universidade de Yale, tivo a oportunidade de coñecer e aprender de profesionais da arte e o deseño de primeiro nivel. Viviu en primeira persoa o xurdimento do movemento psicodélico en San Francisco e comezou a desenvolver o seu traballo en torno ao deseño de carteis para diferentes grupos musicais. O horror vacui, o hipnotismo da imaxe, as mensaxes codificadas, os contrastes cromáticos, unha paleta intensa de cores e unha atmosfera igualmente vibrante compoñen algunhas das calidades do seu traballo. Ademais de colaborar coa industria musical, tamén realizou fotografías, animacións, ilustracións, carteis para películas e cómics. Esta última faceta iníciase a partir de 1968 cando se une ao equipo de Robert Crumb, un dos fundadores do cómic underground e editor de Zap Comix. Xorde así un novo estilo onde xa non ten cabida a censura, introducindo nas páxinas temáticas como o sexo ou a crítica política. No caso de Victor Moscoso, mantén un estilo no que os elementos visuais sobresaen por riba de aspectos narrativos ou argumentais, unha liña espontánea e irónica non exenta de certo surrealismo.

 

Monforte de Lemos, 1957.

Artista.

Álbum Esquizoide

Álbum Esquizoide, 1978
Publicacións do “Colectivo da Imaxe”

Antón Patiño é unha figura chave na cultura galega da década dos oitenta. No campo da pintura foi un dos fundadores do grupo Atlántica, un colectivo caracterizado pola vontade de renovación da creación plástica en Galicia. Así mesmo, na súa faceta coma escritor é interesante tanto o seu paso pola revista Loia xunto con Manuel Rivas e os irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro coma o seu papel de colaborador do grupo poético Rompente formado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón e os seus propios traballos en solitario de poesía e ensaio. Esquizoide é unha novela gráfica que supón o primeiro achegamento de Patiño á banda deseñada no ano 1978, trátase dunha peza abstracta e liberada de narración lineal na que a idea principal é facer unha crítica a cuestións como a sociedade de control, a psiquiatría ou a contaminación. Esta aposta experimental dos anos 70 foi reeditada en 2020.

 

Pontevedra, 1976

Deseñador de produto

Mesa Knossos

Fabricante: 
Mobenia

Mesa Knossos para Mobenia, 2016. Madeira e gres

Isaac Piñeiro conta cunha ampla traxectoria como deseñador de produto, primeiro como co-fundador do estudo de deseño multidisciplinar Nadadora e desde o ano 2017 á fronte de Isaac Piñeiro Design Studio, onde desenvolve un traballo definido pola sobriedade formal e o interese por achegar as relacións entre os obxectos e as persoas. A súa filosofía de traballo integra o diálogo como parte esencial do desenvolvemento da peza; un diálogo entre a concepción, a produción e o deseño que se faga extensible ao usuario para poder humanizar cada detalle, establecendo unha convivencia entre as formas escultóricas mínimas e a adaptabilidade dos seus produtos. A elección do material é outro dos aliados do seu traballo, exemplifícano pezas como a mesa Knossos, onde a combinación de elementos naturais como a madeira e o gres ofrecen unha calidez delicada e harmónica que activa a intuición da natureza. 

 

Pontevedra, 1976

Deseñador de produto

Lámpada Totana

Fabricante: 
Pott

Lámpada sobremesa Totana para Pott, 2018. Cerámica.

Isaac Piñeiro conta cunha ampla traxectoria como deseñador de produto, primeiro como co-fundador do estudo de deseño multidisciplinar Nadadora e desde o ano 2017 á fronte de Isaac Piñeiro Design Studio, onde desenvolve un traballo definido pola sobriedade formal e o interese por achegar as relacións entre os obxectos e as persoas. A súa filosofía de traballo integra o diálogo como parte esencial do desenvolvemento da peza; un diálogo entre a concepción, a produción e o deseño que se faga extensible ao usuario para poder humanizar cada detalle, establecendo unha convivencia entre as formas escultóricas mínimas e a adaptabilidade dos seus produtos. A colección de luminarias Totana asóciase co carácter da paisaxe nunha composición a base de dous volumes que se interpelan, o primeiro cilíndrico e orgánico, o segundo liñal e estrutural.

Páxinas