DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Intimacy

 

Portugal, 1974

Artista

Intimacy

2005. Fotografía. 90x125 cm

 

Nas obras de Rita Magalhães nada resulta espectacular. No fondo, do que se trata é de reconstruír unha serie de memorias a partir de obxectos e de tempos cargados dunha vida recitada desde a nostalxia do perdido. Nas súas fotografías eterniza o momento no que poderiamos definir como estratexia de intensificación da realidade. O xesto máis leve deixa de ser rutina para mostrarse como momento ou acontecemento case encantado. Porque o que nos propón Rita Magalhäes é unha viaxe íntima, á maneira do máis puro interior holandés, ese que se debuxa entre limiares, con figuras fráxiles e solitarias que, con todo, e a pesar da súa aparente intimidade e recollemento, semellan estar nunha estudiadísima preparación. Esa atractiva ambigüidade resulta obvia nas súas series in door Amélia ou Intimacy, auténticas reconstrucións dun imaxinado pasado. Os referentes pictóricos son indubidables. Tamén ese afán por mostrar o cotián desde o refinamento sensual máis sinxelo. Rita Magalhäes conxela os momentos para capturar o pequeno detalle, envolvido nun particular aire de melancolía. Cada foto é un xesto, unha anécdota que se revela non só na acción da figura senón no estudado espazo, na escena. Nesta conxunción é onde intuímos unha inclinación polo Vermeer tardío, capaz de dominar unha luz lateral que atravesa o espazo e de matizar a perspectiva. Espellos, ventanas, sombras, reflexos... mergúllannos nese tempo detido, nunha espiral de temporalidade que nos domina.