DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Spaniol, José

 

Brasil, 1960

Artista

O descanso da sala

As obras do artista José Spaniol son esculturas con tempo. Como neste exemplo da súa serie O descanso da sala —neste caso, unha cadeira desdobrada coma se fose un palíndromo— cuestiona a orde das cousas. Cun mesurado sentido do humor, convídanos a saír do noso mundo para entrar noutro ‘aliciante’, coma se atravesásemos un espello virtual. Spaniol traballa desde as zonas de conflito: multiplicando o espazo con espellos, os soportes arquitectónicos, desdobrando os obxectos ou xogando coa reversibilidade da linguaxe. Nas obras de José Spaniol movémonos nun espazo indefinido, con signos que, antes de situarnos, acaban por afogarse nunha ausencia de límites. Porque o seu traballo busca un espectador capaz de experimentar dislocacións e enerxías; en definitiva, capaz de valorar máis o ‘entre’ que o ‘antes’ ou o ‘despois’. Nese sentido, Spaniol resolve como un escultor de ‘formas perdidas’, desde a tensión poética, buscando a viceversa do obxecto.