DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

La casa del amor

 

Cádiz, 1984

Artista

La casa del amor

2016. Óleo, esmalte e spray sobre tea. 56x50 cm

A Ana Barriga interésanlle os diálogos entre as figuras. Case sempre é unha relación inquieta, tensa, aberta. Como no barroco, todo se extrema. Na súa polifonía, os obxectos seméllanse no descontinuo, algo así como aquilo que Severo Sarduy definiu como retombée, cando o distante, o que interfere, pode revelarse análogo e mesmo funcionar como dobre. A pintura de Ana Barriga habita nesa indecibilidade propia da poesía, no enigma dos seus obxectos, no entrevés das súas figuras. Sitúase así en liña con aquilo que dicía Artaud de que a verdade da vida está na impulsividade da materia. En Ana Barriga a pintura é unha sorte de festa salvaxe, en moitos casos erótica, transgresora, sempre preto da profanación. Esas premisas están presentes tamén na súa forma de pintar con spray e conceptualmente coa elección e distorsión dos seus motivos. Porque a súa pintura evoca o barroco, pero non é unha pintura escura porque dominan os brillos, as cores, a luz. O erótico non se esconde na escuridade e móstrase no primeiro plano do profanado. As cores golpéanse entre si e as relacións abrazan a contradición. A sensación ponse ao servizo da vibración e a artista convoca o pracer da distorsión.