DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Aicher, Otl

 

Alemania, 1922 - 1991

Deseñador gráfico e tipógrafo alemán que apostou polo deseño como motor para a consolidación da empresa e o mundo industrial, coa convicción das posibilidades transformadores do deseño na sociedade. Foi un dos fundadores da Hochschule für Gestaltung Ulm (HfG, Escola Superior de Deseño de Ulm, 1953) e está considerado un dos deseñadores europeos máis influentes do século XX. Entre os seus proxectos destacan as imaxes corporativas de Braun, Lufthansa, ERCO e dos Xogos Olímpicos de Múnic.

Cartel informativo para os Xogos Olímpicos de Múnic

A sistematización do programa de Otl Aicher para os XX Xogos Olímpicos de Múnic (1972) levoulle a realizar un manual de identificación para a aplicación do símbolo creado —unha sorte de sol en espiral— e a elixir a paradigmática Univers de Adrian Frutiger como tipografía. Ademais, estableceu un sistema de retícula e restrinxiu a paleta cromática para lograr unha maior harmonía visual. Para cada deporte deseñou un pictograma, algo que herdarán outras edicións como a destacada XXIII Xogos Olímpicos de Los Ángeles en 1984. De fácil identificación, evitando calquera tipo de barreira lingüística, Aicher conseguirá sistematizar aínda máis o logrado por Lance Wyman e Eduardo Terrazas catro anos antes para os Xogos celebrados en México, onde a funcionalidade da sinalización levou á seguinte afirmación en The New York Times: «Aínda que sexa analfabeto en calquera idioma, poderá desenvolverse na súa contorna, mentres non sexa daltónico».