DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Resto del mundo

 

EE.UU., 1914-1996. Deseñador gráfico e director de arte.

Packaging e cintas de IBM

Fabricante: 
IBM

Packaging e cintas de IBM, ca. 1972

O labor de Paul Rand foi fundamental no desenvolvemento da marca IBM. O logotipo converteuse na peza chave do seu rebranding. Rand traballou coa tipografía City, que fora deseñada en 1930 por Georg Trump. Aínda que o logotipo non deixou de evolucionar, desde os primeiros deseños que se presentaron en versións perfiladas ata o seu coñecido deseño a raias, que primeiro foron trece e máis tarde oito. Paul Rand confesou terse inspirado nun documento que viu no seu banco e asinado con raias que o protexían de falsificacións. As raias uniformaban as tres letras e evocaban as terminais de vídeo, que entón era o futuro. O packaging convértese así en clave do desenvolvemento visual da marca, primeiro cunhas caixas negras e azuis onde se repetían as letras maiúsculas en maxenta, azul e verde e nos anos setenta xa co logotipo de oito raias en caixas laranxas. Paul Rand foi tamén o deseñador do coñecido cartel Eye-Bee-M de IBM, fiel á súa intención de que o espectador participe da solución. A lectura dual, neste caso a partir de interpretar como soan as siglas da compañía en inglés, permítelle proxectar neste sinxelo xeroglífico a esencia de IBM dun modo menos ríxido.

 

EE.UU., 1907—1978 (Charles), 1912 — 1988 (Ray). Deseñadores.

Eames Elephant

Charles & Ray Eames contribuíron moito a democratizar o deseño facendo que as súas creacións fosen accesibles, a través dun enfoque industrial moderno e utilizando técnicas e materiais innovadores, como a madeira contrachapada e o aluminio. Na década de 1940 estes deseñadores invertiron varios anos no perfeccionamento das súas técnicas, en concreto tratando de moldear a madeira laminada en formas tridimensionais. Entre os seus deseños da época atópase o elefante de dúas pezas, que pola súa complicación técnica non chegou á fase de produción e quedou como xoguete da filla de Charles, Lucía Eames. Anos despois foi exhibido no MOMA de Nova York e posteriormente creáronse novas edicións en plástico e contrachapado para poñelo ao servizo dos máis pequenos.

 

 

Filadelfia, 1939 – Pensilvania, 2020

Artista

Cartel para Teatro Fillmore #102

Recoñecida polos seus carteis asociados ao rock clásico e ao movemento psicodélico, Bonnie MacLean foi un dos grandes nomes presentes no deseño dos anos sesenta, artista chave dese momento histórico que, a pesar de realizar unicamente 32 carteis, fíxoo para concertos memorables de The Doors, Hendrix, Led Zeppelin, Pink Floyd ou The Who. O seu estilo, inspirado no Art Noveau e na caligrafía lettering, conseguiu diferenciarse do de outros cartelistas do momento ao xogar coas formas orgánicas e imaxes con lixeiras tinguiduras fantásticas e místicas, nas que o rostro adoitaba aparecer de modo recorrente. Na proposta que fai para o Teatro Filmore aprécianse algunhas destas características, aínda que reduce nesta ocasión a escala cromática e suprime a figuración apostando por un xogo perceptivo similar ás propostas visuais da arte óptica. Co paso do tempo, os seus carteis convertéronse en icónicos e inclúense en coleccións de museos como o Museo de Brooklyn, os Museos de Belas Artes de San Francisco, o Museo de Arte Moderna de San Francisco e o MoMA de Nova York.

 

EE.UU., 1907—1978 (Charles), 1912 — 1988 (Ray)

Deseñadores

Férula para perna

Moldeado de madeira contrachapada. Edición limitada producida posteriormente por Eames Office

Charles & Ray Eames contribuíron moito a democratizar o deseño facendo que as súas creacións fosen accesibles, a través dun enfoque industrial moderno e utilizando técnicas e materiais innovadores, como a madeira contrachapada e o aluminio. A férula deseñada por Charles & Ray Eames en 1943, ilustra á perfección a máxima de Moholy-Nagy de que o deseño non é unha profesión, senón unha actitude. Charles & Ray Eames traballaron para a US Navy desenvolvendo unha férula que permitía o auxilio e evacuación de soldados feridos nas extremidades inferiores; unha peza apilable e de fácil uso que salvou miles de pernas. Esta férula de madeira laminada tiña uns cortes que permitían colocar vendaxes e fixar a perna para mellorar a ferida e ilustra magníficamente o que podemos denominar como «deseño actitudinal».

 

Pensilvania, EEUU, 1964.

Deseñador gráfico.

Deseño da portada da revista Rolling Stones

Edición da mellor música da década dos 2000 

Escritor, editor e deseñador gráfico, Chip Kidd é mundialmente famoso polas súas portadas de libros e o seu carácter extravagante. As súas imaxes ilustraron historias de todos os xéneros, autores e estilos. Para el, a composición e a orde das imaxes son as responsables de contar unha historia e atrapar a quen o mire dunha maneira determinada. Así, entende as portadas como unha primeira impresión coa capacidade de atraer cara ao produto a partir dese fugaz golpe de vista que debe conter misterio e claridade a partes iguais. Entre outros, destaca a súa colaboración para a revista Rolling Stones, que deu permiso ao deseñador para modificar o seu mítico logo para a edición da mellor música da década dos 2000. Chip Kidd decidiu converter as “O” en ceros, levándoas do título para convertelas no centro da imaxe nun curioso paralelismo coa década homenaxeada. Para Chip Kidd: “O deseño gráfico salvará o mundo xusto despois do rock and roll”.

 

Madrid, 1946-1990

Deseñador

Trece de nieve. Revista 5/6

Diego Lara logrou modernizar a imaxe do deseño editorial en España a partir dos anos setenta. Ligado desde un inicio ao ámbito cultural e artístico, colaborou coa feira de arte ARCO e foi responsable gráfico das publicacións da fundación Juan March entre 1974 e 1982, ademais de participar da dirección de revista Poesía, editada polo Ministerio de Cultura, entre 1979 e 1981. O seu estilo supuxo, dalgunha maneira, un cambio de paradigma nos proxectos gráficos e culturais da época, destacando unha liña visual conceptual e elegante de potente influencia pictórica. Trece de nieve foi un proxecto editorial sobre poesía dirixido por Gonzalo Armeiro e Mario Hernández que incluía unha serie de libros, cadernos e unha revista. Diego Lara encargouse da imaxe de portada do número 5/6, para a cal tomou a imaxe da escultura American Nude (1963) do artista pop Charles Frazier. Esta réplica da icónica botella de coca cola á que o artista engade atributos femininos (obxectualizando o concepto de corpo en relación ao consumo) é trasladada por Lara ao formato bidimensional para outorgar un novo significado onde a crítica e a ironía manteñen a súa vixencia a través da cor.

 

Exipto, 1960

Deseñador industrial e de interiores.

Zapato Melissa High

Fabricante: 
Melissa

Karim Rashid é un deseñador industrial e de interiores que traballou no deseño de mobiliario, de obxectos de luxo, de exteriores, de iluminación e en moitos outros campos. Como el mesmo describe, os seus deseños son minimalistas e sensuais, polas súas curvas refinadas e as súas rechamantes cores. Un exemplo curioso do seu traballo é o deseño do zapato Melissa High, que responde a un deseño innovador e experimental. A súa inspiración principal vén do minimalismo, pero tamén hai referentes ao pop, ao deseño conceptual ou a formas biomórficas, en definitiva, alusións a elementos máis decorativos, menos funcionais e neutros, buscando o atractivo e sensual e unha beleza despreocupada propia do posmodernismo e aberta á experimentación con materiais como o plástico, o titanio ou as escumas.

 

Virginia, EE.UU, 1948

Deseñadora gráfica e artista.

Carteis para The New York Public Theater

Carteis para The New York Public Theater: The Diva is Dismissed; Him; Dog Opera; Silence, Cunning, Exile; Simpatico; Merchant of Venice, 1994-95

Paula Scher é unha das figuras máis relevantes do deseño gráfico estadounidense das últimas catro décadas. Comezou a súa carreira nos anos 70, nos 80 a súa aproximación ecléctica á tipografía foi moi influente e a mediados dos 90 a súa identidade para o Public Theater estableceu unha simboloxía totalmente nova no ámbito das institucións culturais. Buscando atraer a un público mais mozo ao teatro, inspirouse no estilo de grosos caracteres dos carteis estadounidenses do século XIX que estaban impresos con tipos de madeira para xerar relacións dinámicas entre os espazos e as palabras, así como nos carteis de propaganda constructivistas dos anos 20 e o 30 do século XX, recorrendo á fotomontaxe e asumindo as tendencias musicais e escénicas do momento, proxectando os valores da performatividade no deseño. Scher traballou como directora de arte en CBS Records e Atlantic Records. A principios dos noventa, será a primeira muller asociada a Pentagram.

 

Nueva York, 1931

Deseñador gráfico, ilustrador e tipógrafo

Portada de Graphis 175

Seymour Chwast é un deseñador gráfico, ilustrador e deseñador de tipos estadounidense. O seu estilo pódese ver en numerosas ilustracións de libros e revistas, portadas de cds e carteis, influíndo de maneira significativa na cultura visual americana. Un exemplo significativo é esta portada de aire pop que mostra ao consumidor do século xx, coas súas lentes de sol e o cigarro. Chwast fundara en 1954, xunto con Milton Glaser, Edward Sorel e Reynold Ruffin, o estudio de deseño Push Pin Studios, un dos máis influentes e desde onde editaron a revista Push Pin Graphic. Tras a marcha de Glaser en 1975 lidera o estudio ata hoxe. Pioneiro do deseño posmoderno, recolle formas de movementos do pasado como o Art Nouveau, Art Deco, a época victoriana ou a arte pop, para compoñer un estilo ecléctico que protagonizou publicacións como o New York Times, The New Yorker, The Wall Street Journal, Vanity Fair, The Atlantic e Print. Chwast é famoso polos seus carteis comerciais e un singular estilo de ilustrar, hoxe en día continúa traballando e é director en The Pushpin Group Inc., en Nova York. Tamén deseñou as fontes de Chwast Buffalo, Fofucha, Loose Caboose NF e Weedy Beasties NF. Está casado coa coñecida deseñadora Paula Scher.

 

EE.UU, 1927-2016

Deseñadora gráfica editorial e pintora

Sights and Spectacles: Theatre Chronicles

Mary McCarthy, Meridian Books, NY

Apaixonada pola pintura e a colaxe, Elain Lustig Cohen é unha figura clave do deseño gráfico dos anos cincuenta e sesenta, sobre todo polas portadas de libros que realizou para editoriais como Meridian Books e New Directions. Casada con Alvin Lustig en 1950, continuará co traballo do seu estudo á morte deste en 1957, integrando a estética do modernismo europeo cunha linguaxe visual norteamericano. Arthur Cohen, editor e gran amigo de Alvin Lustig convidouna a que continuase deseñando a nova liña de libros de peto en Meridian Books, chegando a deseñar máis dun centenar de portadas. Elain Lustig Cohen tamén deseñou catálogos de importantes artistas como Robert Rauschenberg, Yves Klein ou Jasper Johns e traballou con arquitectos como Eero Saarinen ou Richard Meier na gráfica dos seus edificios.

Páxinas