DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Tissi, Rosemarie

 

Thayngen, Suiza, 1937.

Deseñadora gráfica.

Cartel para a regata Kieler Woche

Deseñadora gráfica que valorou a tipografía e espremeu as súas posibilidades en moitos dos seus carteis. Tras estudar na escola de deseño de Zúric abre o seu propio estudo con Siegfried Odermatt en 1968. Pouco despois corromperá o estilo tipográfico internacional ao desenvolver formas máis caóticas e desaliñadas e ao traballar a cor e a tipografía dun modo máis arriscado e próximo ao amencer posmoderno e comezará unha ruptura coas tradicións que asentará o deseño suízo. Comeza así unha aventura tipográfica que desembocará no uso das novas tecnoloxías dixitais e abrirá novas posibilidades formais. Este cartel foi realizado con motivo da celebración da regata anual de Kiel (Kieler Woche), o evento de vela máis grande do mundo, en Alemaña en 1990. Aquí intúense algunhas das características do seu estilo visual, dominado pola potencia da cor e a forma, o uso da xeometría e o desafío ao plan de retículas convencional. Tamén destaca a integración do texto entre o resto de elementos, outorgando dinamismo á composición. Os seus xogos visuais constitúen un referente para o deseño a partir dos anos 80.