DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

ZAP Comix

 

Vilaboa, 1936.

Artista e deseñador.

ZAP Comix

Nº  0, 2, 5 e 6

Artista e deseñador, Victor Moscoso desenvolveu a maior parte do seu traballo en Estados Unidos e está considerado como un dos referentes do deseño psicodélico. O seu imaxinario creativo vai conseguir revolucionar o deseño do século xx. Formado no Industrial Art Institute de Manhattan, na escola Cooper Union e na Escola de Arte da Universidade de Yale, tivo a oportunidade de coñecer e aprender de profesionais da arte e o deseño de primeiro nivel. Viviu en primeira persoa o xurdimento do movemento psicodélico en San Francisco e comezou a desenvolver o seu traballo en torno ao deseño de carteis para diferentes grupos musicais. O horror vacui, o hipnotismo da imaxe, as mensaxes codificadas, os contrastes cromáticos, unha paleta intensa de cores e unha atmosfera igualmente vibrante compoñen algunhas das calidades do seu traballo. Ademais de colaborar coa industria musical, tamén realizou fotografías, animacións, ilustracións, carteis para películas e cómics. Esta última faceta iníciase a partir de 1968 cando se une ao equipo de Robert Crumb, un dos fundadores do cómic underground e editor de Zap Comix. Xorde así un novo estilo onde xa non ten cabida a censura, introducindo nas páxinas temáticas como o sexo ou a crítica política. No caso de Victor Moscoso, mantén un estilo no que os elementos visuais sobresaen por riba de aspectos narrativos ou argumentais, unha liña espontánea e irónica non exenta de certo surrealismo.