DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Tierras raras. Quadra minerale

Rosell Meseguer
Rosell Meseguer
Rosell Meseguer
Rosell Meseguer
Rosell Meseguer
Rosell Meseguer


DIDAC. Santiago de Compostela


Rosell Meseguer

5 febreiro, 2022 a 8 abril, 2022

Comisario: Fernando Gómez de la Cuesta

Tierras raras. Quadra minerale, é un proxecto presentado por Rosell Meseguer que reflexiona sobre a sobrexplotación dos recursos minerais, a contaminación, a asfixia ambiental, o colonialismo, a guerra, a especulación, o capitalismo salvaxe ou a pobreza a través dunha investigación sobre as chamadas terras raras.

A partir dun proceso de investigación que se converte nun políptico pictórico que ten como soporte os propios libros de artista, e a publicación dun vademécum sobre os elementos da táboa periódica e outros recursos, Rosell Meseguer presenta unha exposición que nos achega os elementos da táboa periódica e os seus usos tecnolóxicos na contemporaneidade.

As terras raras ou lantánidos, foron extraídas desde finais do século XIX e pertencen a un importante grupo da Táboa Periódica dos Elementos. Na década de 1960 empezaron a aplicarse en tecnoloxía punta. Brasil, India e Estados Unidos, son importantes produtores de terras raras, e China é un dos países chave.  O seu férreo control xerou profundos desacordos e conflitos a nivel mundial. Partindo da guerra e o afecto, profundamente vinculados á colonización mineral, Rosell Meseguer, expande a lectura xeopolítica do tema e as problemáticas derivadas da mesma -tecnolóxicas, económicas e sociais-. Unha proposta coa aparencia formal dun estudo académico, dun glosario científico, pero que vai debuxando, baixo as súas múltiples capas de lectura, moitas daquelas cousas para as que serve a arte: producir novas perspectivas, abrir itinerarios inesperados, contribuír a xerar outras sensibilidades, outras formas de ver e de pensar.

Esta mostra conta coa colaboración especial do artista e artesán Frank Buschmann coas pezas Helvetica Black e Silla#4, unha mesa e unha cadeira que serven de soporte específico á obra de Rosell Meseguer.

 

Biografía

Rosell Meseguer (Orihuela, Alacante, 1976) desenvolveu diversas estancias de investigación no MOMA e a Columbia University, Nova York; o centro de investigación da Tate Britain e a Vitoria&Albert Museum, Londres; o Centre Georges Pompidou e a Societé Française de Pho­tographie, París ou o Art Center South Florida, Miami; estancias que lle permitiron doutorarse con Premio Extraordinario pola Universidade Complutense de Madrid en 2004, onde actualmente é docente.

Foi convidada a diversas universidades do Ecuador, Colombia, Chile ou Porto Rico e foi finalista en Descubrimientos PHotoESPAÑA 2004. Os seus proxectos sobre minería expuxéronse en diversos espazos como a Fundación Botín, o MAVI, Museo de Artes Visuales de Santiago de Chile e recentemente na 15º Bienal de Cuenca, Ecuador. A súa obra está presente en coleccións como a do CA2M - Centro de Arte Dos de Mayo Madrid; Fundación AENA; Real Academia de España en Roma; UNICAJA; IVAM de Valencia, así como en coleccións públicas e privadas en Estados Unidos (Member Board Whitney Museum, Nova York), Latinoamérica (MAC Museo de Arte Contemporánea de Santiago de Chile) e España (Seguros DKV).