DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Marta Bran: Arte, vida e redes sociais.

 
DIDAC. Santiago de Compostela

venres, 20 decembro, 2019 - 19:00

ARQUIVO DIDAC. Marta Bran: Arte, vida e redes sociais. O artista nos inicios do século XXI. Novos paradigmas.

O Arquivo DIDAC é un corpo documental de apoio á visibilidade da cultura galega. Un corpo documental online en constante crecemento no que coñecer o traballo e a traxectoria dos creadores galegos contemporáneos, prestando especial atención a artistas, deseñadores, arquitectos, cineastas, escritores e axentes culturais.

Unha das artistas incluída na selección do Arquivo DIDAC é Marta Bran, que este venres presenta na Fundación DIDAC: Arte, vida e redes sociais. O artista nos inicios do século XXI. Novos paradigmas, unha investigación que versa sobre as “perspectivas inéditas” que trouxeron consigo os social media no que se refire ao artista- máis aló da creación de obra “en” ou “sobre” estas plataformas- e, por extensión, ao mundo da arte.

A investigación naceu nun contexto de hiperconexión global protagonizado pola “sociedade en rede” un momento no que hai arredor de 4.400 millóns de persoas conectadas a Internet, un 57% da poboación mundial, e en torno a 2.300 millóns de usuarios que posúen unha conta de Facebook (a rede social máis usada). Ao mesmo tempo, a presenza da arte medra cada vez máis nestas plataformas. En efecto, as redes sociais -dende a súa aparición a principios do “cambio de milenio”, Facebook (2004), Youtube (2005), Twitter (2006) e Instagram (2010)- influíron de maneira notable na práctica artística dalgúns creadores, do mesmo xeito que en certos sectores do eido da arte contemporánea internacional.

Marta Bran céntrase na análise e avaliación das circunstancias que o creador de arte contemporánea -usuario das redes sociais- debe barallar dende a súa aparición e na consideración de cincuenta axentes da arte contemporánea internacional incluídos artistas, docentes expertos, especialistas en educación artística, críticos e historiadores da arte, comisarios, directores e técnicos de museos, galerías e coleccionistas.

A investigación foi dirixida polo artista e profesor Juan Luis Moraza e foi merecedora do Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo.

Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986) é artista visual, docente e investigadora. Doutora con “mención internacional” e Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (UVIGO) en 2017 e 2009 respectivamente.