DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Carlos Bernardez

Carlos Bernardez
 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

martes, 21 novembro, 2017 - 19:30

DIÁSPORA. A arte galega da república ao exilio
A palestra pretende explorar o proceso de conformación e evolución da arte galega nos anos da II República, a Guerra Civil e no período do exilio en América, salientando o que o exilio ten de fenómeno decisivo na evolución individual e colectiva dos nosos creadores.
Incidirase nos fenómenos que teñen maior peso e influencia na obra dos artistas galegos que viven directamente a Guerra Civil e que teñen que deixar o país a causa da contenda. Preténdese salientar a importante modificación que estes fenómenos teñen como factores decisivos na evolución da súa arte. Destacaremos, daquela, o efecto que a diáspora tivo na evolución da arte destes autores, que se pode sintetizar en tres grandes eixes temáticos: a presenza da Guerra; a influencia da nova terra e a ollada dos artistas sobre a realidade americana e, por último, a saudade do país deixado atrás, reconstruído e reelaborado na memoria e nos proxectos dos artistas galegos desde América.

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. 
O seu traballo no ámbito da análise cultural mantén dúas liñas fundamentais, unha dedicada aos estudos da literatura galega do século vinte con especial atención aos movementos de vangarda e unha segunda, centrada no ámbito da historia da arte, orientada á construción de análises, nomeadamente sobre a arte galega, que supoñan unha descentralización dos relatos -ruptura do esquema centro/periferia.
Entre os seus libros destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega, en colaboración con Xosé Ramón Mariño Ferro (NigraTrea, 2004); Breve historia da arte galega (NigraTrea, 2005);  Maruja Mallo, a pintura da nova muller (NigraTrea, 2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (Ed. NigraTrea, Vigo, 2011) e Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016).
Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da cultura do xornal Faro de Vigo; prepara o libro Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega para a editorial Laiovento e a mostra A fiestra baldeira para a Cidade de Cultura (Santiago de Compostela) 

Galicia. Un século de creación. 1916-2016