DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Rosario Sarmiento

Rosario Sarmiento
 
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela

xoves, 23 novembro, 2017 - 19:30

Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís: Tres diferentes relatos surrealistas.

Nesta conferencia faremos un achegamento á obra de Urbano Lugrís, Eugenio Granell e Maruja Mallo, tres nomes da plástica galega do século XX que desde circunstancias e léxicos ben diferentes interiorizaron e fixeron realidade as premisas dun movemento de vangarda que dominou o panorama artístico durante a primeira posguerra europea.
E fixérono desde as diferencias que lles impuxeron, ben o illamento dunha Galicia de posguerra na que resultaba case heroica calquera incursión rupturista, ou ben o forzado exilio político en America ata a relación co núcleo vangardista madrileño dos anos vinte e trinta, pero sen que iso lles fixera esquecer esa alternativa ao comportamento colectivo presidido pola liberdade e o desexo que propugnaba o surrealismo.

Rosario Sarmiento é licenciada en Xeografía e Historia, crítica de arte e comisaria de exposicións, especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller, cunha longa experiencia profesional no ámbito da museografía e xestión cultural. Durante anos, dirixiu a Colección de arte Caixa Galicia e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia.
É membro do comité científico da Asociación Cultural francesa Eau&Lumiere, e asesora científica da Ruta do Impresionismo das Mariñas do pintor Francisco Llorens.
Entre 1992 e 1996 foi crítica de arte de La Voz de Galicia, e entre 2012 e 2014 en Radio Coruña Cadena SER, colaborando tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega e Arco Noticias, Luzes e xornais como Mundiario e Sermos Galiza. É autora e coautora de diversas publicacións e ten comisariado e organizado un amplo número de exposicións Arte Inexistente, Mulleres do Silencio, Chillida, Francisco Leiro, Picasso, Frida Kahlo, Diego Rivera ou Jannis Kounellis entre outras

Galicia. Un século de creación. 1916-2016