DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

S/t. Probas de material para froiteiro

Mauro Trastoy

[INTERFERENCIAS]


DIDAC. Santiago de Compostela


Artistas: 
Mauro Trastoy

2 novembro, 2017 a 10 decembro, 2017

Interferencias é unha sección de DIDAC, onde se presentan obras que ou ben dialogan coa exposición en curso ou ben expoñen fisuras ou cuestións diferentes. É o caso de S/t. Probas de material para froiteiro, obra que linda entre o deseño e a arte contemporánea, disciplinas que Mauro Trastoy (Ferrol, 1971) manexa coa mesma intensidade.

Nesta intervención Mauro Trastoy fainos partícipes dese proceso de ensaio-erro coas probas de material para a confección dun froiteiro. Colgadas do teito atópanse varias pezas de cerámica unidas entre elas por cordas. O futuro froiteiro expándese no aire semellando ao mesmo tempo continente e contido, a suspensión das cerámicas lévanos a pensar nas froitas penduradas das ramas dunha árbore.

Mauro Trastoy (Ferrol, 1971) é artista e deseñador gráfico. No seu traballo cuestiona as categorías creativas e as divisións entre disciplinas, tentando reducir os espazos tradicionais establecidos entre a arte, a arquitectura e o deseño. Gústalle utilizar o termo artesanista para definirse, marcando a proximidade do seu traballo ao proceso artesán sobre todo no referido ao trato co material. A partir de 2007, a súa obra afástase das referencias pop e dun espazo máis próximo á pintura, achegándose a procesos tridimensionales nos que o manual cobra sentido. Así, ata a súa última individual titulada Rojo na Fundación Granell en Santiago de Compostela en 2017, o seu traballo sufriu unha intensa transformación envorcado no ensaio coas posibilidades da materia. Arames, papel, cerámica ou cáñamo, forman parte da súa produción actual.

Mauro Trastoy é Licenciado en BBAA pola Universidade de Salamanca. Ten obras en coleccións públicas como a do CGAC.