DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Ângela Ferreira. Talk Tower for Ingrid Jonker.

Ângela Ferreira
Ângela Ferreira


DIDAC. Santiago de Compostela


Artistas: 
Ângela Ferreira

2 novembro, 2017 a 10 decembro, 2017

Con esta exposición Ângela Ferreira realiza unha homenaxe á poetisa surafricana Ingrid Jonker (1933-1965), que se suicidou na praia en Three Anchor Bay (Cidade do Cabo), e que loitou cos seus poemas pola individualidade e as liberdades dos surafricanos durante o “apartheid”. A exposición, titulada Talk Tower for Ingrid Jonker, está producida en colaboración con Appleton Square de Lisboa e en colaboración coa galería Filomena Soares, que representa á artista.
En Talk Tower for Ingrid Jonker, a réplica dunha torre de radio, cuxa estrutura alude directamente á forma construtivista da torre deseñada por Alexander Shukhov e construída preto de Moscova en 1920, reproduce o poema “The Kind” (“O neno”) recitado por Nelson Mandela en maio de 1994 no acto inaugural do primeiro parlamento democrático en Sudáfrica. O poema, escrito en Afrikáans, supuxo un berro á liberdade, os dereitos humanos e a democracia, e serviu a Jonker para inmortalizar o momento no que un neno negro morreu por mor dunha bala na cabeza a mans das tropas en Nyanga. A torre, que forma parte dunha serie iniciada por Ângela Ferreira en 2008, foi inicialmente pensada para ser instalada na zona na que Ingrid Jonker penetrouse no mar por última vez. Finalmente, é a fotografía da costa de Cidade do Cabo a que fala dese momento nun xogo irónico onde ao fondo albíscase o cárcere de Robben Island.
Este traballo é característico da obra de Ângela Ferreira na forma en que combina as súas preocupacións ao redor das consecuencias materiais do modernismo e a maneira na que as formas evolucionan en canto viaxan polo mundo. A estrutura forma parte dunha serie de torres que Ferreira iniciou en 2008.
Nada en 1958 en Maputo, Mozambique, Ângela Ferreira creceu e estudou en Sudáfrica, obtendo a súa MFA pola Michaelis School of Fine Arts, Universidade de Cape Town. Actualmente traballa dando clases de Belas Artes na Universidade de Lisboa, cidade na que reside. A obra de Ângela Ferreira está relacionada co impacto actual do colonialismo e o poscolonialismo na sociedade contemporánea, un traballo que leva a cabo a través dunha investigación profunda e a destilación de ideas en formas concisas e resonantes. Ângela Ferreira representou a Portugal na 52ª Bienal de Venecia en 2007 cun proxecto no que continuaba as súas investigacións sobre as formas en que o modernismo Europeo adaptouse, ou fracasou en adaptarse, ás realidades do continente africano trazando a historia da “Maison Tropicale” de Jean Prouvé. Recentemente foi merecedora do premio Novo Banco Photo Award 2015, un dos máis prestixiosos de Portugal. Actualmente é representada pola galería Filomena Soares de Lisboa.



Inauguración xoves 2 ás 20 h