DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Colección Fundación DIDAC

Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC
Colección Fundación DIDAC


DIDAC. Santiago de Compostela


Colección DIDAC

8 febreiro, 2020 a 25 agosto, 2020

A Colección Fundación DIDAC é un legado en construción que nace coa misión de proxectar o deseño e a arte contemporánea. Coa intención de xerar un mapa visual e documental do ocorrido fundamentalmente desde os anos setenta ata hoxe, esta colección reúne, ademais de obras de arte e obxectos de deseño, catálogos e libros de artista, revistas e carteis, informacións primarias e todo tipo de material que contribúe ao estudo do deseño e a arte contemporánea en Galicia. Para iso compleméntase con pezas de artistas e deseñadores nacionais e internacionais que axudan á contextualización deste legado ao tempo que permiten expandir o relato e xerar conexións.

Cunha organización cronolóxica que nace simbolicamente coa publicación do primeiro número do Laboratorio de Formas de Galicia en 1970, a Colección Fundación DIDAC asume unha vocación contemporánea e aposta por difundir e catalogar o día a día da creación máis actual. Conscientes de que é cada xeración a que atopa as súas propias afinidades e filiacións no pasado, a Colección Fundación DIDAC tamén inclúe creacións anteriores ao seu marco cronolóxico principal, como é o caso da imaxe da empresa Zeltia deseñada por Jaime Isla Couto, latas de conservas da empresa Massó ou diferentes tipos de envases de Augas de Mondariz, así como as publicacións que Luis Seoane realiza para as editoriais Nova, Citania ou Botella al Mar no exilio. Neste sentido, incorpóranse á colección deseños de autores como Paul Rand ou Alvin Lustig, que axudan a contextualizar o traballo de Seoane. Ademais de libros, a colección atesoura importantes deseños cerámicos de Seoane como Ramo vermello ( ca. 1979) e tapices como Paisaxe (1979), este último realizado en colaboración con María Elena Montero. Nesa mesma liña destacan tamén exemplos de mobiliario e deseños cerámicos de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos.

A estas importantes achegas de deseñadores galegos para as súas empresas únense traballos de deseñadores internacionais históricos como Marcello Nizzoli ou Ettore Sottsass para Olivetti, Dieter Rams para Braun, Paul Rand para IBM, á vez que se incorporan traballos posteriores de deseñadores galegos como Pepe Barro do Grupo Revisión Deseño para Pazo de Vilane, Iván Mato para Nokia, Marta Lojo para Paco & Lola ou Nordés, María Pereiró para Adegas Castro Brey, Cristina Moralejo de DARDO para A Tafona ou Xosé Teiga para Bela Fisterra, entre outros. A todo iso súmanse propostas gráficas e editoriais de autores como Xosé Díaz, Alberte Permuy, Manuel Janeiro, Francisco Mantecón, Eloy Lozano, Nuria Carballo, desecribir, Uqui Permui ou Artur Galocha, que se completan con numerosos autores nacionais e internacionais como Sonia Dyakova, Susana Blasco, Inês Nepomuceno, Cruz Xato ou Eduardo Aires, así como unha serie de afiches promocionais como o cartel/calendario informativo de Otl Aicher para os Xogos Olímpicos de Múnic en 1972, o de Eduardo Chillida para eses mesmos xogos, o de Eduardo Arroyo para o Mundial de Fútbol de España en 1982, o de Rosmarie Tissi para a regata Kiefer Woche en 1990, os carteis promocionais de Enric Satué, América Sánchez ou Javier Mariscal para os Xogos Olímpicos de Barcelona, os de Cruz Novillo para películas como El Espíritu de la Colmena ou os de Dídac Ballester para o Festival de Jazz do Palau da Música Valenciana en 2018. Nesa liña están os pictogramas olímpicos deseñados para The Washington Post por Álvaro Valiño en 2016 ou por Julian Opie para o Festival de Jazz de Montreaux en 2006. Tamén a identidade corporativa do Porto e as súas aplicacións, deseñadas por Eduardo Aires.

A Colección Fundación DIDAC conta tamén con mobiliario e obxectos de deseñadores como Bruno Munari, Charles & Ray Eames, Jasper Morrison, Konstantin Grcic, Gaetano Pesce, Ronan & Erwan Bouroullec, Peter Obsvik, Eero Aarnio, Tomás Alonso, Isaac Piñeiro, Miguel Vieira Baptista, Patricia Urquiola, Philippe Starck; arquitectos como Aldo Rossi, Álvaro Siza, Tadao Ando ou Zaha Hadid. Neste sentido, hai unha mirada atenta tamén ao mundo da artesanía con traballos de Verónica Moar, Paula Ojea, Idoia Cuesta ou Noroeste Obradoiro, e por suposto, ao mundo da arte, con traballos de artistas como Sandra Cinto, Douglas Gordon, Albano Afonso, Julião Sarmento, Rui Chafes, Marco Giannotti, José Bechara, José Pedro Croft, Rui Calçada Bastos, Baltazar Torres, João Penalva ou Patrick Hamilton; españois como Luis Gordillo, Aitor Ortiz ou Laura González Cabrera, así como unha ampla representación de artistas galegos como Manolo Paz, Rubén Ramos Balsa, Almudena Fernández Fariña, Carlos Maciá, Juan López ou Vítor Mejuto, entre outros.

Pola outra banda, reúnense tamén unha serie de traballos que podiamos etiquetar como “contraculturais”, de deseñadores como Ventura Cores, Víctor Moscoso, colectivo A Galga, Xosé María Torné, que se poden situar en liña coas formas desobedentes de deseñadores como David Carson, Stefan Sagmeister, Chip Kidd, April Greiman, Paula Scher ou dun pioneiro Fortunato Depero. Tamén realidades conceptuais que se formalizan desde a colaxe, como no caso de Julião Sarmento, Pello Irazu, Caio Reisewitz, Jorge Galindo ou o galego Misha Bies Golas. Nesta liña, tendente á hibridación e ao neobarroquismo, conviven tamén artistas como o citado Luis Gordillo, Ana Barriga ou Santiago Giralda, así como deseñadores como Ferruccio Laviani, Humberto e Fernando Campana, Alex Trochut, a quen podería sumar os deseños de zapatos retrofuturistas de Elena Ferro ou Karim Rashid, ou mesmo punk no caso de Vivienne Westwood.

Esta colección dá sentido ao proxecto da Fundación DIDAC, que nace en liña cun dos obxectivos do Laboratorio de Formas de Galicia que pretendía dotar a Galicia de institucións capaces de abrir novos traxectos interdisciplinares de investigación para a arte e o deseño, recuperar a memoria e atopar unións entre o espírito de época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo. Noutras palabras, a raíz local conxúgase con vocación universal pero tamén o presente destílase desde unha mirada ao pasado, co compromiso de transmitir ese coñecemento, proxectándoo e renovándoo.