DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

O silabario perdido

[INTERFERENCIAS]


DIDAC. Santiago de Compostela


Artistas: 
Vítor Mejuto

12 setembro, 2017 a 22 outubro, 2017

O silabario perdido é, seguramente, o proxecto máis singular da traxectoria de Vítor Mejuto. Tamén a súa obra máis dilatada no tempo, xa que o silabario completo foi pintado en tres etapas distintas. A primeira expúxose na galería Schema Projects de Nova York no 2013 e constaba de vinte debuxos. A segunda fase foi amosada na sala do Polvorín da Ciudadela de Pamplona dous anos despois e dispúxose lonxitudinalmente nunha cuadrícula de catro por oito para un total de trinta e dúas obras. O silabario completo, ata un total de cincuenta pezas, poderá contemplarse por primeira vez en DIDAC.

O silabario perdido responde a algunhas das inquedanzas que caracterizan o traballo de Vítor Mejuto. como a pertinencia ou non dunha obra desenvolvida como serie; a repetición como recurso para provocar dinamismo; o debuxo como potente xerador de formas novas; e sobre todo o emprego dunha única forma como motor e clave de todo o desenvolvemento. Neste caso é un romboide con dous dos seus ángulos opostos redondeados. Todos os debuxos da serie nacen do encontro desta forma cos seus iguais. Os romboides comparten morfoloxía aínda que non sempre tamaño e son ordenados atendendo a unha cuadrícula que varía dun debuxo a outro.

En palabras do artista, "dependendo do que pinto ou do que reservo, as obras van aparecendo. Os cruces das formas xeran un espazo intersticial no que os seus ritmos varían segundo a cuadrícula empregada: catro por catro, tres por tres, dous por tres, etc. O romboide é a única voz dunha linguaxe ilimitada. Un alfabeto dunha soa letra ao servizo dun fraseo corto e obsesivo. Significante sen significado".

Un punto interesante deste traballo é a idea de retomar unha mesma serie deixando pasar un tempo entre entrega e entrega. "Cada vez que volto a ela a miña pintura está nun punto distinto e os debuxos, aínda que comparten un fío condutor, teñen necesariamente algo do meu momento actual. A mesma lei aléntaos pero está interpretada de maneira distinta. A rixidez derivada dunha matriz modular busca alivio en solucións flexibles. Ese é o reto. Así, os primeiros debuxos son máis sinxelos, máis esenciais; logo volven ser máis complexos no segundo grupo de traballos para volver, finalmente, a presupostos máis minimalistas no desenvolvemento final". De aí que a instalación definitiva combine debuxos de todas as series para que as diverxencias se disolvan no corpus xeral da obra e que aínda así sexa posible rastrear parentescos entre os debuxos dunha mesma entrega, posto que todos xuntos comparten unha única raíz.