DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Olivetti. A unidade na diversidade

Olivetti. A unidade na diversidade
Olivetti. A unidade na diversidade
Olivetti. A unidade na diversidade
Olivetti. A unidade na diversidade
Olivetti. A unidade na diversidade
Olivetti. A unidade na diversidade


DIDAC. Santiago de Compostela


Olivetti | María Ramos

22 novembro, 2018 a 8 xaneiro, 2019

Olivetti, a unidade na diversidade mostra comisariada pola deseñadora de tipografías María Ramos que, como parte intrínseca do seu traballo, ven revisando dende hai anos o papel da coñecida casa italiana de máquinas de escribir Olivetti, no recoñecemento do importantísimo papel que xoga o deseño na consolidación dunha marca.

Composta de máquinas de escribir, carteis orixinais e outros curiosos elementos que na súa maior parte proceden da Colección Sirvent, a exposición rinde homenaxe á empresa italiana que conseguiu fabricar máquinas de escribir durante case un século no cal foi capaz de crear modelos que se converteron en iconas na historia do deseño industrial, destacando pola forma e polos avances conseguidos pola innovación na súa funcionalidade. Xunto a máquinas tan senlleiras como a Lexicon 80 ou a Lettera 22 de Marcelo Nizzolli, a Praxis 48 de Ettore Sottsass e Hans von Klier, a Valentine do mesmo Sottssas e Perry King ou a Lexicon 83 DL de Mario Bellini, na exposición atoparemos unha importante parte de gráfica publicitaria que representou á compañía italiana durante os seus anos de historia. Carteis de grandes deseñadores do século XX como Giovanni Pintori, Paul Rand, Milton Glaser ou o citado Nizzoli entre outros, acompañan ás máquinas. Ao mesmo tempo a exposición conta cunha parte adicada a subliñar a importancia da tipografía e as diferenzas no deseño de caracteres creados a medida para a máquina de escribir.

A Colección Sirvent é unha das grandes coleccións do mundo de máquinas de escribir, con sede en Vigo e atesourada pola familia Sirvent que leva facendo un traballo de varias xeracións para conseguir, restaurar e conservar, os que xa son máis de 4.000 exemplares de máquinas de escribir ademais de obxectos relacionados, que dan forma á colección.

A exposición complétase cunha mostra da comisaria María Ramos como deseñadora de tipografías.

Tras licenciarse en Publicidade pola Universidade de Vigo obtivo o seu máster en Deseño de tipografías na Universidade de Reading (Inglaterra), un dos centros punteiros no ensino desta especialidade do deseño. María traballa agora na súa propia marca, NM type, creada xunto a Noel Pretorius. A súa tipografía Kinetic foi merecedora dun Certificado de Excelencia Tipográfica concedido polo Type Directors Club de Nova York. Entre os seus clientes atópanse firmas como Jägermeister.
 

Mostras en colaboración con Sirvent S.L.