DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Patrick Hamilton. El ladrillo II

Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II
Patrick Hamilton. El ladrillo II


DIDAC. Santiago de Compostela


Patrick Hamilton
Comisario: David Barro

6 setembro, 2019 a 19 outubro, 2019

Cunha obra de carácter conceptual, dende finais dos anos noventa o traballo de Hamilton tivo como fío condutor a reflexión e cuestionamento dos conceptos de traballo, desenvolvemento económico, mito e historia no contexto das últimas décadas en Chile, en particular do período coñecido como post-ditadura. Neste sentido, o seu traballo supuxo unha constante reflexión estética en torno ás consecuencias da «revolución neoliberal» implantada en Chile por Pinochet e o grupo de economistas coñecidos como os Chicago boy´s, durante os anos setenta e oitenta e a súa proxección no campo social e cultural dende entón ata agora. A modo dunha «arqueoloxía do neoliberalismo» a súa obra e o seu pensamento visual poderían entenderse como un retrato poético dos complexos procesos económicos e culturais que sufriu Chile -e tantos países ao redor do mundo- nas últimas décadas, baixo o influxo e crise do sistema de mercado.

El ladrillo, é un libro de política económica no que se estableceron as pautas do sistema de libre mercado que foi implementado en Chile pola ditadura militar. O texto foi escrito a principios dos anos setenta, por un grupo de economistas chilenos que foron alumnos do controvertido premio Nobel de economía Milton Friedman na Universidade de Chicago. Nas súas páxinas expóñense as radicais medidas económicas que, a modo dun antídoto, debían curar á sociedade chilena do soño socialista, entre elas: a apertura total dos mercados, a baixada de aranceis e impostos, a redución do gasto público e o fomento das privatizacións de bens e servizos por parte do estado.

A partir da análise deste libro, Hamilton presenta unha serie de traballos nos que de maneira poética reformula o entendemento dalgúns conceptos como: equilibrio / desequilibrio, igualdade / desigualdade, regulación / des-regulación, individuo / comunidade. Para isto, utiliza elementos comúns no mundo do traballo da construción e a albanelería como aplanadores, ladrillos e lixas. Creando composicións simples e económicas Hamilton xoga con diversas connotacións da palabra ladrillo: dende o nome do libro antes mencionado, o ladrillo como expresión da crise do mercado inmobiliario, así como o ladrillo na súa dimensión material e literal, como aquel elemento que se utiliza na construción. Baixo a aparente formalidade dos traballos que se poderían definir como unha «abstracción povera», o artista introduce procedementos e elementos que remiten á memoria colectiva, como por exemplo, a dos movementos sindicais no caso das esculturas Pirámide e Pirámide invertida, pintadas en vermello e negro; as pinturas/collages feitos con lixa e elaboradas de maneira mecánica e repetitiva ao modo dun albanel que constrúe un muro ou pavimento; así como, as dúas fotografías de obxectos e arquivos atopados, dispostos en clave «construtivista» á maneira de naturezas mortas.

Patrick Hamilton nace en 1974 en Lovaina, Bélxica. Actualmente vive e traballa entre Madrid e Santiago de Chile. É Licenciado en Artes pola Universidade de Chile. No ano 2007 recibiu a Beca Guggenheim, outorgada pola John Simon Guggenheim Memorial Foundation de Nova York. No ano 2006 realizou unha residencia no International Studio & Curatorial Program (ISCP) de Nova York.

O seu traballo foi exhibido en numerosas exposicións individuais e colectivas en Latinoamérica, Estados Unidos e Europa. Dentro das súas exposicións individuais cóntanse: Black Tools, DKM Museum, Duisburg, Alemaña (2018); O Ladrillo, Galería Casado Santapau, Madrid, España (2018), Ultramar Sur, Fondazione Pastificio Cerere, Roma, Italia (2017), Progreso, Centro de Arte Contemporáneo Wilfredo Lam, La Habana, Cuba (2016); Progreso Galería Marta Cervera, Madrid, España (2015); Proyecto Lanz, FLORA Ars+Natura, Bogotá, Colombia (2014); Progreso, Museo de Arte Contemporáneo (MAC), Santiago (2013); Ultramar Sur, Paço das Artes, São Paulo, Brasil (2012).

Entre as súas exposicións grupais atópanse Tiempos incompletos: Chile, primer laboratorio neoliberal, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, España (2019); Ficción y Fabricación, Museo de Arte, Arquitectura e Tecnología MAAT, Lisboa, Portugal (2019); Space to dream: Recent Art from South America, Auckland Art Gallery, Auckland, Nueva Zelandia 82016); Beleza?, Centro Cultural São Paulo (2015); Beyond the supersquare, The Bronx Museum of the Arts, New York, USA (2014); Slow Future, Centre for Contemporary Art Ujazdowski Castle, Varsovia, Polonia (2014); Territorios fronterizos, Centro Cultural Matucana 100, Santiago, Chile (2014); Disrupted Nature, Museum of Latin American Art (MOLAA), Long Beach, CA, USA (2013); Now: Works from the Jumex collection, Centro Cultural Cabaña, Guadalajara, México (2011), Dublin Contemporary, Dublin, Irlanda (2011), Proyecto Ideal, Centro Cultural São Paulo, CCSP, Brasil (2011) e Museo de Arte Contemporáneo (MAC), Santiago, Chile (2010).

O seu traballo tamén formou parte de bienais como o Pabellón de la Urgencia, 55ª Bienal de Venecia (2013), 11ª e 7ª Bienal de Cuenca, Ecuador 2011 e 2001; 2ª Bienal de Arte de Arquitectura de Canarias, España (2009); 10ª e 8ª Bienal de La Habana (2009 e 2003), 1ª Trienal de Chile (2009); 2ª Bienal de Praga (2005); 26ª Bienal de São Paulo, Brasil (2004); 2ª Bienal del Mercosur, Porto Alegre, Brasil (1999), entre outras.

O seu traballo está presente en centos de coleccións públicas e privadas, entre elas, La Colección, Jumex de México DF; Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, España; El Museo del Barrio de Nova York, EEUU; Museo Nacional de Bellas Artes, Santiago, Chile; Museo DKM de Duisburg, Alemaña; The Space Collection, Irvine, California, EEUU; Museum of Latin American Art (MOLAA), Long Beach, CA, EEUU; Museo de Arte Contemporáneo de Santiago (MAC), Santiago, Chile.

 

Fotografía Roi Alonso

Exposición co apoio da Fundación Chile-España
Fundación Chile-España