DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

FAQ

Que é DIDAC?

DIDAC é unha organización de natureza fundacional, de interese galego e sen ánimo de lucro, que nace coa intención de divulgar e proxectar o deseño e as artes contemporáneas. Trátase dunha fundación dinámica e flexible, adaptada a un século XXI que xa non demanda grandes infraestruturas senón programacións rigorosas, con discursos capaces de consolidarse no tempo con inequívoca independencia.

Desde o seu nacemento en 2017, DIDAC quere que o seu indicador de éxito sexa o cualitativo e non o cuantitativo, por iso é polo que basea o seu traballo nun forte compromiso coa diversidade, coa igualdade, coa ecoloxía, coa tradición, coa innovación e cun modo de estar no mundo máis coidadoso co ambiente, cos valores sociais e economicamente máis responsable.

Entendemos que a sustentabilidade é un termo contrario ao consumismo cultural  masificado, por iso é polo que  DIDAC propón a investigación, a conservación do patrimonio recente e o coñecemento e a difusión da arte e o deseño como motores culturais e industriais fundamentais para a innovación. En  DIDAC estamos convencidos de que é a creatividade quen debe mediar entre o humano e o tecnolóxico, tornando máis amable e empática a nosa relación co futuro, máis ergonómica e, sobre todo, máis intelixente á hora de enlazar o científico e o humanístico, o innovador, o empresarial e o artístico, conceptos habitualmente separados cando as súas funcións converxen nun fin común: construír un futuro mellor.

Con que idea nace DIDAC?

A idea de DIDAC é axudar a vertebrar o sector artístico galego co contexto ibérico e ser capaz de dar resposta a algunhas das súas necesidades, con flexibilidade e fuxindo das formalidades habituais do concepto “institución”.  DIDAC é unha institución satélite nacida para orbitar ao redor doutras institucións e tecer conexións que permitan a creación e a innovación cultural desde o compromiso coa creación. Por iso asúmese como unha institución en construción capaz de redefinir continuamente a súa maneira de operar no mundo e de seleccionar con quen se asocia, con quen coopera e a quen apoia, tratando de dar sentido a un momento necesitado de alianzas e esforzos conxuntos.

Onde é DIDAC?

Aínda que a sede principal de DIDAC sitúase en Santiago de Compostela e nela poderase ver unha programación expositiva constante e moitas das súas actividades, o programa de DIDAC desenvólvese en paralelo en moitos outros espazos ocasionais, froito de colaboracións institucionais puntuais, de oportunidades estratéxicas en lugares situados fóra dos circuítos oficiais ou en espazos cos que se establece unha colaboración máis constante. É o caso de Appleton en Lisboa, que actúa como unha sorte de delegación de DIDAC, a modo de conexión directa con Portugal.

Cal é a sua actividade?

DIDAC produce exposicións e proxectos, programa conferencias, cursos ou congresos e edita publicacións dos seus proxectos ou de investigacións teóricas que lle son encargadas no ámbito da arte, o deseño, a cultura e a innovación e o desenvolvemento sustentable. DIDAC traballa como consultora estratéxica nos ámbitos do deseño e a arte contemporánea, ao tempo que constrúe un arquivo de creadores en constante actualización  -que é conformado a partir dunha selección de novos artistas, deseñadores, arquitectos, cineastas, músicos e outros axentes culturais - e unha importante colección de arte, deseño e cultura visual capaz de reunir informacións primarias, catálogos, revistas, carteis, fotografías e libros de artistas que contribúen ao estudo da creación contemporánea de Galicia traballando a súa contextualización internacional-. Tamén leva a cabo un programa de mentoring e a residencia Paulo Reis para creadores, en colaboración con Atelier Fidalga de São Paulo.

Como podo colaborar con DIDAC?

Se queres ser un membro activo de DIDAC, podes informarte sobre as nosas alianzas, que pasan polo mecenazgo, o patrocinio, a condición de socio colaborador ou facerte amigo de DIDAC. Por outra banda, podes participar dos nosos cursos, obradoiros ou eventos, así como disfrutar das nosas publicacións. Tamén, se o teu desexo é iniciarte ou continuar unha labor de coleccionista, podes adquirir algunha das nosas producións, sexan estas obras de arte ou obxectos de deseño, sempre realizados en colaboración cos seus creadores. Ao adquirir un DIDACproject axudas directamente á financiación dos artistas e de DIDAC.

A natureza de DIDAC é institucional e sen ánimo de lucro, unha vez que todos os beneficios obtidos son reinvertidos no desenvolvemento da súa programación e actividades