DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Rosario Sarmiento

 
curso-formacion

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 17 xaneiro, 2018 - 19:30

Arte + Muller na Galicia Contemporánea

É evidente que dende a década dos noventa do pasado século, a presenza e o papel cada vez máis activo das mulleres na arte constitúe unha realidade nun mundo globalizado e por suposto, tamén no mapa da creación artística en Galicia. Pero se tamén en Galicia, podemos falar de igualdade e mesmo de maior presenza entre mulleres e homes en termos de formación, o posicionamento das artistas mulleres dentro do entramado do sistema artístico, segue sendo minoritario con respecto ao dos homes. É por iso que no espazo histórico-temporal destas primeiras décadas do século XXI, segue sendo necesario constatar as ausencias, construír contextos, visualizar relatos e protagonismo máis amplos sobre as achegas e o papel que cumpriron algunhas artistas na historia da creación plástica da Galicia contemporánea. Sege sendo necesario reescribir unha historia que favoreceru a figura do artista home, ao mesmo tempo que excluía sistematicamente ás mulleres dos principais movementos que a conformaron.

Rosario Sarmiento é licenciada en Xeografía e Historia, crítica de arte e comisaria de exposicións, especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller, cunha longa experiencia profesional no ámbito da museografía e xestión cultural. Durante anos, dirixiu a Colección de arte Caixa Galicia e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia.
É membro do comité científico da Asociación Cultural francesa Eau&Lumiere, e asesora científica da Ruta do Impresionismo das Mariñas do pintor Francisco Llorens.
Entre 1992 e 1996 foi crítica de arte de La Voz de Galicia, e entre 2012 e 2014 en Radio Coruña Cadena SER, colaborando tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega e Arco Noticias, Luzes e xornais como Mundiario e Sermos Galiza. É autora e coautora de diversas publicacións e ten comisariado e organizado un amplo número de exposicións Arte Inexistente, Mulleres do Silencio, Chillida, Francisco Leiro, Picasso, Frida Kahlo, Diego Rivera ou Jannis Kounellis entre outras.