DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Arias, Carmen

 

A Coruña, 1921 – 2013

Artista plástica e deseñadora.

Mar adiante

Fabricante: 
Ediciós do Castro

Mar adiante. Historias de nenos pra nenos. Autora: Mª Victoria Moreno Marquez. Ilustradora: Carmen Arias

Carmen Arias “Mimina” (1921 - 2013), foi compañeira de Díaz Pardo na vida e en moitos dos seus proxectos durante décadas. Sempre mostrando o seu compromiso por Galicia, a ela débenselle algúns dos primeiros deseños de Cerámicas do Castro e os seus coñecementos levárona a montar o taller de decoración das porcelanas. Entre outras cousas, ocuparase das ilustracións das coñecidas vaixelas infantís de Sargadelos. Tamén foi creadora da liña de xoias de porcelana Placas María e das ilustracións do libro Mar adiante.

Mar adiante é un libro de relatos infantís escrito por Mª Victoria Moreno Márquez, editado por Ediciós do Castro. Con deseño de cuberta e ilustracións realizadas por Carmen Arias, as verbas de Mª Victoria Moreno combínanse con delicados debuxos resoltos a partir do verde, o negro e o vermello que permiten que o público infantil se identifique coas historias da autora, onde priman coñecidos personaxes como vermes, nenos, mariñeiros, estrelas, gaivotas, ventos, lobos, peixes...

 

A Coruña, 1921 – 2013

Artista plástica e deseñadora.

Vaixela infantil

Fabricante: 
Sargadelos

A cerámica en Galicia é un territorio que leva a marca de Cerámicas do Castro e Sargadelos. As dúas empresas contrataron numerosas mulleres do rural e traballaron con man de obra fundamentalmente femenina nas decoracións. Todos coñecemos o importante labor que realizaron Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane ou Xosé Vizoso, pero a de Carmen Arias —Mimina— pasou máis desapercibida malia debérenselle achegas importantes, como algunhas das estupendas ilustracións das vaixelas infantís. Carmen Arias asistira a clases de pintura con Lolita Díaz Baliño, pero a súa familia —que desaprobaba a súa relación con Isaac Díaz Pardo debido a sua ideoloxía—non lle permitiu continuar os estudos que iniciara en Madrid, polo que non puido acabar Belas Artes. De Carmen Arias son algúns dos primeiros deseños de Cerámicas do Castro e será quen impulse o taller de xoiería de Sargadelos, sempre mostrando o seu compromiso con Galicia.