Pintor, escultor e gravador, o traballo de Eduardo Arroyo é estilisticamente próximo aos presupostos da arte pop e a chamada Nova figuración. Interesado por recoller os tópicos e costumes do español, sinalou con ironía e humor varios dos denominados acenos de identidade do país. Os seus inicios co gravado datan da década de 1960, cando comeza a estudar técnicas como a litografía, a punta seca, o augaforte, o linogravado, a augatinta ou a xilografía. O seu estilo é recoñecido polo uso de cores vivas e planas, a sintetización das formas e a ausencia de perspectiva espacial. No cartel realizado para o mundial de fútbol de 1982 podemos apreciar algúns destes trazos: a mirada analítica, as formas silueteadas, a precisión e sobriedade e a integración da cor como elemento determinante para chamar a atención sobre o conxunto. En El portero vemos a un home de costas, cuxa silueta domina por completo a imaxe, mirando cara a un horizonte que se nos sitúa fóra de plano e ataviado cunha indumentaria que non parece a habitual nos equipamentos de fútbol. Xérase entón unha sutil contradición entre o título e a imaxe: mentres o texto sitúanos claramente no contexto do mundial de 1982, a figura fai referencia á soidade do porteiro mentres o xogo está a ser desenvolvido no resto do campo, á vez que o primeiro plano das súas costas referencia o seu papel crucial no partido.