Barcelona´92
Barcelona, 1938. Premio Nacional de Deseño en 1988.
Barcelona´92
É este un dos carteis máis recoñecibles dos anos noventa, grazas á extraordinaria difusión que se lle deu dende o Comité Olímpico Internacional e o Ajuntament de Barcelona. Os Xogos Olímpicos de Barcelona’92 e a celebración da Expo de Sevilla no mesmo ano supuxeron aos ollos do mundo a entrada de España na Modernidade. De entre ambos acontecementos, as Olimpiadas de Barcelona foron un fito a nivel deportivo e a súa imaxe gráfica —realizada por Josep M. Trias co seu estudio Quod— co seu símbolo e logotipo, e sobre todo a súa mascota Cobi —realizada por Javier Mariscal—, alonxada dos canons e cunha simpática e amable personalidade que lle permitiu afianzarse para lograr se manter na memoria colectiva, serán paradigmas do que é un bo traballo de comunicación. Este cartel de Enric Satué é a terceira pata deste éxito sen precedentes do deseño español, que fixo que moitos cidadáns comezasen a coñecer o nome dos deseñadores e entendesen o deseño como motor económico. Conta o seu autor que os seus fillos lle axudaron a combinar as cores olímpicas nos dedos das mans, achando interesantes asociacións para incorporalas ao cartel orixinal.

