O de Sandra Cinto é un traballo que abraza o afectivo, deses que entenden que o revolucionario non debe chegar desde a violencia senón desde o respecto. Seguramente ese é o verdadeiro lugar da arte e por iso a artista propón unha viaxe sobre o presente, universal e individual, expandido aínda cando a súa dirección é cara a dentro. De aí esa sensación abismal. A paisaxe ofrécesenos como desposesión e a súa inmensidade convoca unha nostalxia indescritible. As imaxes flotan como ruínas da memoria, convidando a penetrarse na beleza do inconmensurable dunha paisaxe desprovista de figuras, como na pintura romántica. Nesa liña sitúase Réquiem por uma montanha, a partir dun branco e negro que ademais de centrar a nosa mirada nas cuestións gráficas do debuxo, proxecta unha sorte de loito na paisaxe. É nese sentido que retoma tamén os abismos románticos, que lonxe de mirar cara abaixo convidan a voar. O debuxo urde a trama dun relato, que convoca o político desde o poético e posiciónase ante a tristeza que lle provocan certas actitudes políticas que proxectan medo para evitar o avance social, xa sexa nas súas pinturas, en fotografías como a serie A Travessia difícil Après Géricault –tamén presente na Col. Fundación DIDAC– ou no soporte duns libros que para a artista teñen ás na súa capacidade de expandir o coñecemento.