Pintor, deseñador, debuxante e interiorista foron algunhas das facetas que cultivou Ventura Cores ao longo da súa traxectoria creativa. Empapouse de diferentes estilos até ir configurando o seu propio, mirando cara ao movemento renovador da primeira metade do século XX en Galicia para asumir o carácter construtivo da cor e a súa alianza coas formas desde un punto de vista radicalmente persoal. Ventura Cores foi o encargado da portada do disco de NHU (1978), o único disco do grupo galego de rock progresivo. Na imaxe, retrata aos seus membros facendo uso dun estilo na onda da arte pop e a psicodelia. A través do uso do vermello, o amarelo e o azul como cores principais e a verde como secundaria, consegue unha estética deliberadamente imperfecta que sitúa as súas figuras a medio camiño entre a despersonalización e a celebridade.