David Delfín fixo da moda a súa particular forma de expresión, reivindicando un estilo propio e desenfadado que se deixou influenciar por movementos plásticos como o surrealismo e por artistas como Louise Bourgeois, René Magritte, Buñuel, Pistoletto ou Le Corbusier. Traballando en pos da comuñón entre as diferentes artes, realizou tamén exposicións e levou a cabo traballos de deseño para programas de televisión e proxectos musicais. O seu discurso aparece motivado pola transgresión das fronteiras, buscando na hibridación de disciplinas como a música, o teatro, a pintura ou o cinema un consistente soporte desde o que cal apropiarse de novas ferramentas creativas. Cunha actitude provocadora, sensible e enérxica, os seus deseños, así como a posta en escena das súas coleccións, ofreceron unha nova mirada á moda contemporánea. Joseph Beuys conformou de maneira determinante a identidade creativa de David Delfín e serviu de inspiración en varios dos seus deseños. Nesta camiseta aparecen dúas referencias claras: a cruz vermella como símbolo de sanación (empregada por Beuys en varias das súas obras) e o lema Muestra la herida, que se relaciona coa instalación do mesmo nome realizada polo artista en Múnic (1976) e que referencia a súa propia biografía, o accidente de avión ao que sobrevive (1944) e a necesidade de mostrar a ferida e a debilidade humanas.