Un caso de éxito recente no que se refire a identidade visual dunha cidade é Porto, que partindo da súa tradición histórica co azulexo proxectará unha nova imaxe en base a sinxelos pictogramas azuis. O responsable do proxecto foi White Studio, da man do seu fundador Eduardo Aires, que confesará que, neste caso, o briefing estaba ben definido, o que facilitou o seu desenvolvemento. Así, prescindirán de calquera imaxe para quedar co nome da cidade. A tipografía, sólida e sensual, de caracteres moi próximos entre si, potencia a palabra, que acaba cun punto sobre o que cae o gran peso visual. «Porto.» é, ademais, de cor azul, a cor das súas igrexas e edificios revestidos de azulexos, que son unha especie de retrato estático da vida urbana.