DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

deseño gráfico

 

València

Carteis para o 22 Festival de Jazz de València

Campaña gráfica 22 para o Festival de Jazz de València

Palau de la Música, 2018

Dídac Ballester é deseñador gráfico especializado en proxectos editoriais, de identidade visual e packaging. Tamén realiza proxectos que potencian o cruzamento entre as artes visuais e o deseño desde a reivindicación da sinxeleza, a orde e os detalles. O seu estudo mantén unha pequena estrutura que lle permite traballar moi preto dos clientes, cunha rede de colaboradores flexible e pondo o acento na calidade e a sinxeleza das solucións. Para o 22 Festival de Jazz de València realizou unha serie de carteis de fondos limpos dunha soa cor que permiten resaltar o motivo central: formas orgánicas simulando instrumentos de vento, ou sons que se expanden, dos cales xorde a palabra jazz. Por esta campaña foi galardoado cos premios Premios Laus prata e ADCV prata.

 

A Coruña, 1957

Deseñador

Nunca Máis

Deseño da bandeira Nunca Máis, 2002

Xosé María Torné é deseñador e asesor en comunicación e mercadotecnia, director e fundador da empresa de deseño Torné y Asociados. É o responsable da imaxe da bandeira de Nunca Máis, símbolo das protestas polo desastre ecolóxico do Prestige no ano 2002. A plataforma Nunca Máis esixía a declaración de Galicia como zona catastrófica e a dotación de orzamento para paliar os danos que, a todos os niveis, foron causados pola vertedura. A imaxe deseñada por Torné emprega a bandeira de Galicia, substituíndo a súa habitual cor de fondo por un negro que alude ao loito. Superposto, o lema de «Nunca máis», resaltado en letras brancas, termina de ilustrar de maneira radical e contundente a traxedia de todo un territorio. O deseño, que destaca pola súa forza e rotundidade, foi capaz de expresar a dor e a morte metafórica de Galicia, do seu sistema económico e social, servindo como abandeirado gráfico das accións e esixencias da plataforma.

 

Deseñadora e tipógrafa

Kinetic

Fabricante: 
NM type

María Ramos é investigadora e deseñadora de tipografías. Traballa na súa propia marca, NM Type, creada xunto a Noel Pretorius. Entre os seus clientes atópanse firmas como Jägermeister. O seu traballo como
investigadora e a súa paixón pola historia da tipografía levárona a colaborar con blogs especializados como Typographica ou Alphabettes. A súa tipografía Kinetic, creada en colaboración con Noel Pretorius,
foi merecedora dun Certificado de Excelencia Tipográfica concedido polo Type Directors Club de Nova York. Kinetic é unha tipografía sen serifa inspirada en Alexander Calder, que intenta incorporar características exploradas polo artista como o ritmo, o movemento ou a relación entre obxecto e espectador. Os seus terminais curvados e a súa simplicidade formal permiten a súa adecuación para unha ampla gama de aplicacións. O seu carácter xeométrico está compensado pola liberdade no deseño e o rexeitamento a patróns estritos.

 

Filadelfia, 1939 – Pensilvania, 2020

Artista

Cartel para Teatro Fillmore #102

Recoñecida polos seus carteis asociados ao rock clásico e ao movemento psicodélico, Bonnie MacLean foi un dos grandes nomes presentes no deseño dos anos sesenta, artista chave dese momento histórico que, a pesar de realizar unicamente 32 carteis, fíxoo para concertos memorables de The Doors, Hendrix, Led Zeppelin, Pink Floyd ou The Who. O seu estilo, inspirado no Art Noveau e na caligrafía lettering, conseguiu diferenciarse do de outros cartelistas do momento ao xogar coas formas orgánicas e imaxes con lixeiras tinguiduras fantásticas e místicas, nas que o rostro adoitaba aparecer de modo recorrente. Na proposta que fai para o Teatro Filmore aprécianse algunhas destas características, aínda que reduce nesta ocasión a escala cromática e suprime a figuración apostando por un xogo perceptivo similar ás propostas visuais da arte óptica. Co paso do tempo, os seus carteis convertéronse en icónicos e inclúense en coleccións de museos como o Museo de Brooklyn, os Museos de Belas Artes de San Francisco, o Museo de Arte Moderna de San Francisco e o MoMA de Nova York.

 

Pepe Barro, Lia Santana e Xosé Salgado

Deseño de identidade para a compañía Pazo de Vilane

Pazo de Vilane é unha empresa familiar aberta en 1996 e convertida en pioneira na produción de ovos campeiros de galiñas en liberdade. Entre os seus valores atópanse a activación e desenvolvemento do rural e a recuperación do patrimonio e a cultura desde o respecto polo medio. Estes principios acóllense ao paraugas do deseño e a produción artesanal como mecanismo para achegar ao público os intereses da marca. Conscientes da necesidade de coidar o deseño, encargaron ao Grupo Revisión a tarefa de transmitir graficamente as súas liñas diferenciais. Neste sentido, é significativa a proposta de oveira, que foxe dos formatos ríxidos tradicionais e das clásicas fotografías que ilustran este tipo de envases para dar forma a unha sinxela caixa de ovos de cartón que se converteu en icona da marca. Deseñada en 1997, na parte frontal destaca a ilustración dunha galiña verde formulada case a modo de pictograma, mentres o lateral recolle o nome da empresa xunto a unha folla de loureiro. A aposta polo verde como único compoñente cromático, a calidez do material, a conexión co universo do artesanal e coa tradición galega situaron este produto nun modelo de éxito, exposto en diferentes mostras a nivel nacional e internacional.

 

San Sebastián, 1924-2002.

Artista.

Cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Múnich’72

Recoñecido principalmente como escultor, a obra gráfica de Eduardo Chillida compón unha das súas caras máis descoñecidas pero igualmente interesantes. Entre outros, realizou traballos de ilustración, deseño de carteis e logotipos. A súa faceta como comunicador respondía sobre todo a encargos de diversa índole por parte de institucións, onde foi capaz de transmitir as mensaxes demandadas mantendo os valores e rigor do seu traballo escultórico. Unha das súas pezas máis destacadas foi o deseño do cartel para os Xogos Olímpicos de Múnic en 1972, realizado sobre papel litográfico. Nesta imaxe percíbese o interese pola exploración da liña, o volume e o concepto de baleiro, xoga cos espazos e os contrastes rotundos conducindo a mirada cara arriba e cara abaixo. Expón así unha construción dinámica onde dialogan o orgánico e o xeométrico. A sobriedade da súa linguaxe plástica aparece vinculada á súa obra gráfica coma se fose unha extensión das súas esculturas, aínda que suprimindo o uso da perspectiva. Outro dos seus acenos de identidade é o uso exclusivo do branco e negro como resposta a un pretendido interese por analizar o comportamento dos elementos no espazo e as formas que van debuxando os propios ocos.

 

Bos Aires, 1939.

Deseñador gráfico.

Cartel Xogos Olímpicos de Barcelona’92

Deseñador gráfico, fotógrafo e debuxante, América Sánchez formouse de modo autodidacta cunha influencia marcada polo Estilo Tipográfico Internacional. Defende un traballo a man alzada, sen o emprego do computador, onde a experimentación e a diversidade de disciplinas concedan riqueza aos recursos gráficos, que pousan en moitas ocasións a mirada na cultura popular e as necesidades sociais. Se encargou do cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 ́, cunha proposta que salienta a sensación de movemento ao xogar coa disposición diagonal das letras, sobrepondo as cores identificativas dos xogos nun fondo azul que achega coherencia ao conxunto.

 

Bos Aires, 1939.

Deseñador gráfico.

Portada LP Misa Criolla

Deseñador gráfico, fotógrafo e debuxante, América Sánchez formouse de modo autodidacta cunha influencia marcada polo Estilo Tipográfico Internacional. Defende un traballo a man alzada, sen o emprego do computador, onde a experimentación e a diversidade de disciplinas concedan riqueza aos recursos gráficos, que pousan en moitas ocasións a mirada na cultura popular e as necesidades sociais. A portada do LP de Misa Criolla denota a súa inclinación por un grafismo plástico e áxil e unha combinación cromática e formal rotunda acorde cos ritmos da creación de Ariel Ramírez. 

 

A Coruña, 1977

Deseñador gráfico

Pictogramas Olímpicos para The Washington Post

Álvaro Valiño é infografista, ilustrador e deseñador gráfico. Traballa de forma independente para clientes de todo o mundo como National Geographic Magazine, The Washington Post, The Guardian, Corriere della Sera ou Revista Mongolia, entre outros. O seu traballo recibiu máis de trinta premios Malofiej. Entre os seus deseños, destacan os pictogramas sobre os Xogos Olímpicos de Río (2016) realizados para The Washington Post, que buscaban unha identidade visual sólida, afastada do estilo habitual. Xerou así un conxunto de pictogramas xeométrico, reducindo o corpo humano ás súas formas esenciais e baseándose no home de Vitrubio para definir as proporcións. Empregou a circunferencia en referencia aos cinco aneis que compoñen o emblema olímpico construíndo o corpo a partir de liñas e empregando o negro para a figura humana e a cor para os elementos deportivos.

 

Almazora, 1950.

Deseñador multidisciplinar

Cobi Barcelona 92'

Cartel e outros materiais oficiais da mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, Cobi, 1992

Javier Mariscal desenvolve o seu traballo da través de todo tipo de soportes e linguaxes. No ano 1989 funda o Estudio Mariscal, desde o cal foi conformando un orixinal universo creativo no que prima a transmisión de emocións. A súa intención é fascinar, conmover, a través de solucións innovadoras e unha constante alianza entre a arte e o deseño que consegue transmitir optimismo e frescura. Algunhas destas características podemos atopalas na que é probablemente a súa obra máis recoñecida: Cobi, a mascota creada para os Xogos Olímpicos de Barcelona 92. Cobi representa a un can de estilo cubista cuxo nome está inspirado nas siglas do Comité Organizador das Olimpiadas de Barcelona (COOB). Co propósito de romper os estándares que até entón dominaban os deseños de mascotas no deporte, Javier Mariscal deu vida a un personaxe informal e alegre que acabou converténdose nunha icona popular.

Páxinas