DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

deseño de produto

 

Italia, 1887-1969

Deseñador e artista

Olivetti Lettera 32

Fabricante: 
Olivetti

Diplomado na Escola de Belas Arte de Parma, Marcello Nizzoli iniciou o seu traballo como pintor e deseñador de tecidos para posteriormente ampliar a súa carreira no campo da gráfica, o deseño industrial e a arquitectura. Protagonizou a vangarda artística de principios do século XX atravesando etapas de influencia de movementos como o futurismo, o cubismo, a Secesión de Viena ou o racionalismo. Deseñou icónicas calculadoras, máquinas de coser como a Necchi Mirella (1957), a pluma estilográfica Aurora 88 (1948) e a máquina de escribir portátil Lettera 22 en 1950. Durante varios anos estivo ao fronte da oficina de deseño de Olivetti. A Lettera 32 é unha máquina de escribir portátil comercializada no ano 1963 concebida como a herdeira directa da Lettera 22. O seu pouco peso fixo dela unha máquina funcional de grande éxito a nivel comercial.

 

(Xinzo de Limia, 1938 - Vigo, 2019)

Deseñador, editor e publicista.

O Pelegrín

Deseño da mascota e logotipo do Xacobeo 93

Luis Carballo foi un publicista e deseñador ourensán referente no sector. No ano 1959 fundou a súa axencia de publicidade e realizou importantes campañas para a moda galega, sendo o clásico eslogan "La arruga es bella" para Adolfo Domínguez unha das máis mencionadas. Foi tamén fundador da revista Galicia Moda, referente no sector textil dos anos 80. Un dos seus traballos máis icónicos é O Pelegrín, a mascota do Xacobeo de 1993 que supuxo un impulso para o Camiño de Santiago, converténdose en todo un símbolo e alcanzando o recoñecemento internacional. Foi reproducido en todo tipo de formatos: en pins, camisetas, gorras, souvenirs... Desde a sinxeleza dos trazos e a síntese formal, representa a prototípica imaxe dos peregrinos xunto co bastón e a cabaza. Trátase dun deseño alegre, colorido e rompedor que logrou situar o Xacobeo no foco de atención mediante formas xeométricas simples e rotundas.

 

Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012

Creador multidisplinar.

Unha serea do mar de Vigo

Fabricante: 
Sargadelos

Proba de figura de Sargadelos deseñada para o Consorcio Zona Franca de Vigo
20x7x8 cm

Xunto a Luis Seoane, Díaz Pardo procurou simbolizar a recuperación de Sargadelos como modelo de industrialización para Galicia e da superación das súas frustracións históricas; e investir os beneficios da actividade industrial en investigación tecnolóxica, de deseño, histórica e cultural. A serea ou muller-pez é un dos personaxes da mitoloxía galega que podemos atopar en contos populares e tradicións costeiras. Esta peza redunda na intención de levar a historia, mitoloxía e formas de Galicia ao coñecemento de todas as persoas a través do deseño.

 

 

Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012

Creador multidisplinar.

Cadeira

Fabricante: 
Sargadelos

Cadeira, 1963
76x42x46 cm

Isaac Díaz Pardo concibía o deseño de mobiliario como un aspecto fundamental do seu traballo, ideando diferentes modelos de cadeiras que exploraban a ergonomía, o impacto visual, a conexión coa tradición e o emprego de materiais nobres como a madeira. 

 

Estudo de deseño. Packaging e etiquetas para viños e licores

Packaging Paco y Lola

Marta Lojo consolidouse como especialista en deseño gráfico de marcas nacionais e internacionais, sobre todo no sector alimenticio e de bebidas. O seu estudo conseguiu embotellar a creatividade galega e levala ás adegas de todo o mundo. No deseño das etiquetas de albariño Paco y Lola (2007), xunto ao director creativo Kike López, crearon un proxecto que fose exportable para vender no mercado asiático e para iso recorreron a unha icona da cultura española, os lunares, para que o cliente o situase rapidamente en España. Trátase dunha imaxe notoria e arriscada, con ganas de saírse do establecido. Unha das claves coa que traballa esta deseñadora é primeiro estudar ao público e segundo comprender a filosofía da marca. Poderíase dicir que cada proxecto é único, no seu proceso de creación realiza unha intensa investigación de mercado do usuario que o vai a consumir, concibindo unha marca que encaixa á perfección cos obxectivos do fabricante. Co deseño de etiquetas a deseñadora pon en valor o produto contando e ofrecendo máis que o simple contido.

 

EE.UU., 1907—1978 (Charles), 1912 — 1988 (Ray). Deseñadores.

Eames Elephant

Charles & Ray Eames contribuíron moito a democratizar o deseño facendo que as súas creacións fosen accesibles, a través dun enfoque industrial moderno e utilizando técnicas e materiais innovadores, como a madeira contrachapada e o aluminio. Na década de 1940 estes deseñadores invertiron varios anos no perfeccionamento das súas técnicas, en concreto tratando de moldear a madeira laminada en formas tridimensionais. Entre os seus deseños da época atópase o elefante de dúas pezas, que pola súa complicación técnica non chegou á fase de produción e quedou como xoguete da filla de Charles, Lucía Eames. Anos despois foi exhibido no MOMA de Nova York e posteriormente creáronse novas edicións en plástico e contrachapado para poñelo ao servizo dos máis pequenos.

 

 

Lisboa, 1968

Deseñador industrial

Armario

2017. Madeira de freixo, barniz incoloro mate e veladura gris

Miguel Vieira Baptista é un deseñador que ademais da función traballa a súa calidade estética, a forma bela. Con humor mesurado, afina cada detalle traballando obsesivamente unha forma que non acaba sendo moi distinta do que foi o seu propio debuxo xerminal. Estas pezas destacan pola súa singularidade e o modo en que revelan as posibilidades da cor e a forma desde o delicado e lúdico. É o detalle e a colocación dos obxectos, a súa localización no lugar, o que consegue atraer cara ao abstracto a nosa mirada, para transformar o cotián en algo poético e subversivo. Opera así como un escultor, engadindo capas ou construíndo ao eliminalas, convocando o misterio desde o fráxil, asumindo secuencias sinxelas e o que queda entre elas, os seus baleiros, procurando a súa levedade, a súa maneira harmónica de repetir silenciosamente unha forma, algo que sobre todo está latente nos seus mobles.

 

Lisboa, 1968

Deseñador industrial

Banco

2017. Madeira de freixo e veladura vermella 38x65x70cm

Miguel Vieira Baptista é un deseñador que ademais da función traballa a súa calidade estética, a forma bela. Con humor mesurado, afina cada detalle traballando obsesivamente unha forma que non acaba sendo moi distinta do que foi o seu propio debuxo xerminal. Estas pezas destacan pola súa singularidade e o modo en que revelan as posibilidades da cor e a forma desde o delicado e lúdico. É o detalle e a colocación dos obxectos, a súa localización no lugar, o que consegue atraer cara ao abstracto a nosa mirada, para transformar o cotián en algo poético e subversivo. Opera así como un escultor, engadindo capas ou construíndo ao eliminalas, convocando o misterio desde o fráxil, asumindo secuencias sinxelas e o que queda entre elas, os seus baleiros, procurando a súa levedade, a súa maneira harmónica de repetir silenciosamente unha forma, algo que sobre todo está latente nos seus mobles.

 

Alemania, 1932

Deseñador industrial

Calculadora ET 66

Este deseñador industrial alemán é un dos personaxes chave no deseño funcionalista, levando á marca Braun ao racionalismo, que pronto se converteu no que caracterizaría e identificaría a todos os seus produtos. O seu estilo sobrio nútrese da corrente estética Gute form, que predica un deseño libre de adornos. Ao mesmo tempo é considerado unha influencia esencial para Jonathan Ive, xefe de deseño da  compañía Apple. Para Rams todo bo deseño é innovador e a súa finalidade primordial é a súa utilidade, pero sen faltarlle beleza, como podemos apreciar na Calculadora ET 66 (1987), deseñada xunto a Dietrich Lubs, onde se aprecian algúns dos principios de bo deseño que proclamaba Rams: a calculadora posúe unha precisión íntegra en cada detalle, como se advirte nos seus botóns, e o seu coidado na creación, co uso do contraste de cor entre números e funcións, facilitando o seu uso. Apple rendeu unha homenaxe a este deseño racional para a súa aplicación de calculadora de Iphone, onde xa se ve a influencia do deseñador na empresa. 

 

París, 1903-1999

Arquitecta e deseñadora

524 Tabouret Berger

Fabricante: 
Cassina

Esta arquitecta e deseñadora francesa foi unha das promotoras da estética industrial modernista nos anos 20 e 30. Charlotte Perriand entendía os mobles máis como artefactos utilitarios que como obxectos autónomos e artísticos suxeitos á domesticidade, en parte pola influencia de traballar no estudo de Le Corbusier, onde adoptou teorías que tiñan que ver co uso de materiais e a súa funcionalidade. Os seus mobles caracterizáronse polas súas formas orgánicas pero tamén no uso de materiais naturais, fortemente inspirados no deseño xaponés, o que facía que tivesen un rotundo aspecto elemental.

Páxinas