DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

deseño de produto

 

José Castro (Noroeste Obradoiro)

Santiago de Compostela, 1979. Artesá xoieira.

Colar Rizo-mini

A traxectoria de Noroeste Obradoiro demostrou que se pode innovar desde o universo da artesanía e a xoiaría contemporánea sen abandonar a súa esencia. Inspiradas nos detalles máis cotiáns da natureza, as súas pezas simulan pequenos haikus repletos de enerxía e simbolismo que conseguen comunicar desde a sinxeleza. Crear co fundamental é unha das súas premisas, liberarse da ostentación sen deixar de traballar con materiais nobres. Desde obxectos de enxoval até xoias, os seus traballos miran cara ao carácter atlántico que envolve Galicia: o mar, as montañas, o verde sempiterno, a súa atmosfera chuviosa… como unha fonte inesgotable de formas. O colar Rizo semella unha concatenación de todos estes elementos, esencializado ao mínimo mediante formas circulares e orgánicas que se repiten como unha estrutura viva, poética, como o debuxo dun vento enredado entre as ramas.

 

Fábrica conservera fundada en Bueu en 1816

Conservas Massó

Lata de conservas Kairel, fabricadas por Massó Hermanos, S.A., ca. 1955

As primeiras décadas do século xx, a industria do deseño tivo na industria conserveira un dos seus sectores máis cómplices, xunto aos servizos de transporte a América e a súa publicidade. As latas de conservas converteranse no principal soporte para a autopromoción e para o detalle ornamental, xa que proporcionan un aspecto atractivo para o produto acorde con estilos decorativos internacionais. Pretendíanse produtos capaces de convivir harmonicamente nos fogares e de proxectar unha vida mellor, o cal resulta significativo se pensamos no carácter humilde dunha simple lata de conservas. Neste sentido, será, sobre todo, a firma Massó a que consiga un maior músculo internacional. A fábrica Massó xa contaba en 1924 cun coidado catálogo ilustrado e maquetado por Federico Ribas onde se explicaban moi graficamente todas as súas marcas. Entre outras, destaca Kairel, preparada ex profeso para mercados americanos e ilustrada cunha esfinxe e unha palmeira, evocando un exótico aire exipcio.

 

EE.UU., 1907—1978 (Charles), 1912 — 1988 (Ray)

Deseñadores

Férula para perna

Moldeado de madeira contrachapada. Edición limitada producida posteriormente por Eames Office

Charles & Ray Eames contribuíron moito a democratizar o deseño facendo que as súas creacións fosen accesibles, a través dun enfoque industrial moderno e utilizando técnicas e materiais innovadores, como a madeira contrachapada e o aluminio. A férula deseñada por Charles & Ray Eames en 1943, ilustra á perfección a máxima de Moholy-Nagy de que o deseño non é unha profesión, senón unha actitude. Charles & Ray Eames traballaron para a US Navy desenvolvendo unha férula que permitía o auxilio e evacuación de soldados feridos nas extremidades inferiores; unha peza apilable e de fácil uso que salvou miles de pernas. Esta férula de madeira laminada tiña uns cortes que permitían colocar vendaxes e fixar a perna para mellorar a ferida e ilustra magníficamente o que podemos denominar como «deseño actitudinal».

 

Múnich, 1965.

Deseñador industrial.

Lámpada Mayday

Fabricante: 
Flos

O traballo de Konstantin Grcic persegue unha harmonía entre a historia da arte, a arquitectura e o deseño desde un enfoque que acolle funcionalidade e esencia. O seu estudo, Konstantin Grcic Industrial Design (KGID) (fundado en 1991), aborda proxectos de diferente índole onde se bifurcan campos como o deseño industrial ou de interiores, o deseño de produto ou o expositivo. Cun gran coidado na elección dos materiais, as súas propostas destilan pureza e sinxeleza partindo dun proceso de revisións e descartes que permite esquematizar as formas, xogar co enxeño e compor desde unha singular rigorosidade visual e conceptual. Coa lámpada Mayday, gañadora do Compasso d’Ouro da ADI (Asociación de Deseño Industrial de Italia) no ano 2001, Konstantin Grcic logrou redefinir as tipoloxías e usos habituais das luminarias, conformando un obxecto adaptable a diversos espazos e situacións, cun deseño de estilo industrial, flexible e lúdico que activa a interacción co usuario. Do mesmo xeito que sucede no resto dos seus proxectos, a versatilidade, e sobre todo o carácter xenuíno, son o resultado de múltiples investigacións que comparten unha base de innovación, aprendizaxe social e análise formal e material.

 

Ronda, 1970-Madrid, 2017.

Deseñador de moda.

Camiseta Muestra tu herida

David Delfín fixo da moda a súa particular forma de expresión, reivindicando un estilo propio e desenfadado que se deixou influenciar por movementos plásticos como o surrealismo e por artistas como Louise Bourgeois, René Magritte, Buñuel, Pistoletto ou Le Corbusier. Traballando en pos da comuñón entre as diferentes artes, realizou tamén exposicións e levou a cabo traballos de deseño para programas de televisión e proxectos musicais. O seu discurso aparece motivado pola transgresión das fronteiras, buscando na hibridación de disciplinas como a música, o teatro, a pintura ou o cinema un consistente soporte desde o que cal apropiarse de novas ferramentas creativas. Cunha actitude provocadora, sensible e enérxica, os seus deseños, así como a posta en escena das súas coleccións, ofreceron unha nova mirada á moda contemporánea. Joseph Beuys conformou de maneira determinante a identidade creativa de David Delfín e serviu de inspiración en varios dos seus deseños. Nesta camiseta aparecen dúas referencias claras: a cruz vermella como símbolo de sanación (empregada por Beuys en varias das súas obras) e o lema Muestra la herida, que se relaciona coa instalación do mesmo nome realizada polo artista en Múnic (1976) e que referencia a súa propia biografía, o accidente de avión ao que sobrevive (1944) e a necesidade de mostrar a ferida e a debilidade humanas.

 

Milán, Italia, 1907-1998.

Artista e deseñador.

Cinceiro Cubo 2000 B

Fabricante: 
Danese Milano

Bruno Munari foi deseñador, escultor, autor de libros infantís, poeta e pedagogo, considerado un dos mellores deseñadores gráficos e industriais do século xx e vinculado ao movemento futurista. Ao longo da súa traxectoria revisou diversos materiais facendo grandes achegas ao universo da expresión visual. O seu traballo busca clarificar o proceso do deseño a través da simplificación formal e a procura de novas metodoloxías de comunicación visual. O seu carácter polifacético levoulle a explorar a síntese das artes e a defender a confluencia das disciplinas para alcanzar formas insólitas. Un exemplo é o cinceiro Cubo, deseñado a partir de dous elementos mínimos: unha carcasa en forma de cubo aberta por un lado que contén un elemento de chapa dobrada. O ángulo que forma a chapa permite facer caer a cinza ao interior mentres o outro extremo, superposto, oculta o contido resultando nun obxecto discreto e funcional.

 

Lata de conservas Kairel

Fabricante: 
Fabricadas por Massó Hermanos, S.A.

As primeiras décadas do século XX, a industria do deseño tivo na industria conserveira un dos seus sectores máis cómplices, xunto aos servizos de transporte a América e a súa publicidade. As latas de conservas converteranse no principal soporte para a autopromoción e para o detalle ornamental, xa que proporcionan un aspecto atractivo para o produto acorde con estilos decorativos internacionais. Pretendíanse produtos capaces de convivir harmonicamente nos fogares e de proxectar unha vida mellor, o cal resulta significativo se pensamos no carácter humilde dunha simple lata de conservas. Neste sentido, será, sobre todo, a firma Massó a que consiga un maior músculo internacional. A fábrica Massó xa contaba en 1924 cun coidado catálogo ilustrado e maquetado por Federico Ribas onde se explicaban moi graficamente todas as súas marcas. Entre outras, destaca Kairel, preparada ex profeso para mercados americanos e ilustrada cunha esfinxe e unha palmeira, evocando un exótico aire exipcio.

 

A Coruña, 1921 – 2013

Artista plástica e deseñadora.

Vaixela infantil

Fabricante: 
Sargadelos

A cerámica en Galicia é un territorio que leva a marca de Cerámicas do Castro e Sargadelos. As dúas empresas contrataron numerosas mulleres do rural e traballaron con man de obra fundamentalmente femenina nas decoracións. Todos coñecemos o importante labor que realizaron Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane ou Xosé Vizoso, pero a de Carmen Arias —Mimina— pasou máis desapercibida malia debérenselle achegas importantes, como algunhas das estupendas ilustracións das vaixelas infantís. Carmen Arias asistira a clases de pintura con Lolita Díaz Baliño, pero a súa familia —que desaprobaba a súa relación con Isaac Díaz Pardo debido a sua ideoloxía—non lle permitiu continuar os estudos que iniciara en Madrid, polo que non puido acabar Belas Artes. De Carmen Arias son algúns dos primeiros deseños de Cerámicas do Castro e será quen impulse o taller de xoiería de Sargadelos, sempre mostrando o seu compromiso con Galicia.

 

Pontevedra, 1976

Deseñador de produto

Mesa Knossos

Fabricante: 
Mobenia

Mesa Knossos para Mobenia, 2016. Madeira e gres

Isaac Piñeiro conta cunha ampla traxectoria como deseñador de produto, primeiro como co-fundador do estudo de deseño multidisciplinar Nadadora e desde o ano 2017 á fronte de Isaac Piñeiro Design Studio, onde desenvolve un traballo definido pola sobriedade formal e o interese por achegar as relacións entre os obxectos e as persoas. A súa filosofía de traballo integra o diálogo como parte esencial do desenvolvemento da peza; un diálogo entre a concepción, a produción e o deseño que se faga extensible ao usuario para poder humanizar cada detalle, establecendo unha convivencia entre as formas escultóricas mínimas e a adaptabilidade dos seus produtos. A elección do material é outro dos aliados do seu traballo, exemplifícano pezas como a mesa Knossos, onde a combinación de elementos naturais como a madeira e o gres ofrecen unha calidez delicada e harmónica que activa a intuición da natureza. 

 

Pontevedra, 1976

Deseñador de produto

Lámpada Totana

Fabricante: 
Pott

Lámpada sobremesa Totana para Pott, 2018. Cerámica.

Isaac Piñeiro conta cunha ampla traxectoria como deseñador de produto, primeiro como co-fundador do estudo de deseño multidisciplinar Nadadora e desde o ano 2017 á fronte de Isaac Piñeiro Design Studio, onde desenvolve un traballo definido pola sobriedade formal e o interese por achegar as relacións entre os obxectos e as persoas. A súa filosofía de traballo integra o diálogo como parte esencial do desenvolvemento da peza; un diálogo entre a concepción, a produción e o deseño que se faga extensible ao usuario para poder humanizar cada detalle, establecendo unha convivencia entre as formas escultóricas mínimas e a adaptabilidade dos seus produtos. A colección de luminarias Totana asóciase co carácter da paisaxe nunha composición a base de dous volumes que se interpelan, o primeiro cilíndrico e orgánico, o segundo liñal e estrutural.

Páxinas