Deseñador industrial e arquitecto, Philippe Starck é un innovador tecnolóxico recoñecido pola utilidade e estética nos seus deseños. Nos seus proxectos chaman a atención as súas formas extravagantes, as cores cegadoras e o uso de materiais pouco usuais. Perséguelle a constante de ir máis aló do convencional, de progresar e de evolucionar. O seu proceso de traballo é un estado semiconsciente, aí é onde atopa a claridade nos seus deseños. Os seus produtos céntranse na experiencia que lle proporcionará ao usuario. Tanto é así que o seu mítico exprimidor Juicy Salif, producido para Alessi está pensado para «iniciar conversas» cunha notable reflexión formal e innovadora que se afasta totalmente da forma tradicional da acción de espremer.
Cecilie Manz é unha das principais deseñadoras industriais danesas da súa xeración. Co seu traballo amplía o entendemento da función e a estética do deseño desafiando os conceptos establecidos no deseño industrial. O seu traballo abarca xoias, lámpadas, esculturas e mobles, como a súa mesa Mikado, que se incluíu na colección do MoMA. Existe unha gran variedade no seu traballo, pero a súa idea básica sempre destaca a súa funcionalidade e a súa alusión a composicións históricas nos seus deseños á vez que plasma un presente moi claro. Esa combinación do modernismo escandinavo e a funcionalidade reflíctese no deseño da xarra de auga Mínima, producida por Holmegaard.
As obras do arquitecto Álvaro Siza caracterízanse pola harmonía e o diálogo co contexto natural e cultural, así como por un estilo que articula elementos do racionalismo e do organicismo. Co seu traballo colaborou na rexeneración urbana e na construción de vivendas sociais tras a restauración da democracia en Portugal. Posteriormente participou entre moitos proxectos na reconstrución do centro histórico de Lisboa, na construción da facultade de Arquitectura no Porto ou no das piscinas naturais de Matosinhos. Aínda que a súa obra centrouse na arquitectura, a súa paixón polas formas serenas achegouno ao deseño dunha maneira dialogante e sutil, mesmo con obxectos como a súa copa de viño do Porto. Porque para Siza pensar nun edificio ou nunha copa de viño «sempre é unha cuestión de diálogo, de atención».
Os méritos de Aldo Rossi non se limitaron ao campo da arquitectura, senón que foi tamén deseñador, teórico, profesor e escritor. Cun enfoque posmoderno, coñecido como neorrealismo, representa a revitalización do clasicismo austero. Aldo Rossi sempre estivo na procura da innovación e a vangarda. Deseñador da abstracción e da brevidade, cun uso implacable das formas primarias e das xeometrías, deseñou obxectos domésticos como a cafeteira La Cupola, onde se aprecia o uso rigoroso das formas xeométricas e elementais. Estes fundamentos fan que a súa obra, tanto na arquitectura como no deseño, se cargue dunha enorme intensidade poética.
Karim Rashid é un deseñador industrial e de interiores que traballou no deseño de mobiliario, de obxectos de luxo, de exteriores, de iluminación e en moitos outros campos. Como el mesmo describe, os seus deseños son minimalistas e sensuais, polas súas curvas refinadas e as súas rechamantes cores. Un exemplo curioso do seu traballo é o deseño do zapato Melissa High, que responde a un deseño innovador e experimental. A súa inspiración principal vén do minimalismo, pero tamén hai referentes ao pop, ao deseño conceptual ou a formas biomórficas, en definitiva, alusións a elementos máis decorativos, menos funcionais e neutros, buscando o atractivo e sensual e unha beleza despreocupada propia do posmodernismo e aberta á experimentación con materiais como o plástico, o titanio ou as escumas.
De Vivienne Westwood poderíase dicir que é a autora da radicalidade na moda contemporánea, marcando tendencia no punk e no new wave. A súa roupa deconstruida e desarrapada chegou a vestir a grupos míticos como os Sex Pistols. Naqueles momentos atopaba parte da súa inspiración nos rockers e no fetichismo, utilizando o uso de cremalleiras, chatolas, imperdibles, etc, para levar hoxe esa extravagancia e anarquía como elementos ou ingredientes fundamentais á hora de deseñar roupa, utilizando materiais como a goma, o coiro ou o charol. Westwood nunca casou cun estilo fixo e co tempo foise refinando, aínda que exemplos como o zapato Anglomania que deseñará para Melissa evidencian que o seu traballo segue sendo unha expresión de resistencia ao usual.
Esta arquitecta e deseñadora francesa foi unha das promotoras da estética industrial modernista nos anos 20 e 30. Charlotte Perriand entendía os mobles máis como artefactos utilitarios que como obxectos autónomos e artísticos suxeitos á domesticidade, en parte pola influencia de traballar no estudo de Le Corbusier, onde adoptou teorías que tiñan que ver co uso de materiais e a súa funcionalidade. Os seus mobles caracterizáronse polas súas formas orgánicas, singularidade que pode apreciarse nas lámpadas de calor que deseñou para Philips, pero tamén no uso de materiais naturais, fortemente inspirados no deseño xaponés, o que facía que tivesen un rotundo aspecto elemental.
Astrid Sampe achegou unha nova vitalidade ao deseño téxtil e un novo sentido de profesionalidade, axudando a demostrar que os límites entre a arte, a artesanía e a produción non teñen por que interferir na creatividade, a visión e a dedicación. Sampe foi unha deseñadora innovadora que deseñou téxtiles modernos de produción industrial, conservando e ampliando ao mesmo tempo as tradicións do deseño téxtil nórdico con motivos de inspiración popular, como podemos ver no deseño de Persson’ s Spice Rack, peza inspirada nos frascos de especias da deseñadora Signe Persson-Melins. Con todo, o seu estilo a miúdo inspirábase en Mondrian —producindo varios deseños para roupa de fogar a partir dos seus referentes xeométricos— e, a medida que avanzaba profesionalmente, en patróns baseados en datos ou xerados por computador. Ao mesmo tempo innovou na produción téxtil e converteuse nunha das pioneiras en utilizar fibra de vidro nas súas teas.
Os deseños da alemá Marianne Brandt son considerados precursores do deseño industrial contemporáneo. Brandt, que con anterioridade emprendera unha carreira como artista e que será unha excelente fotógrafa, asistiu ao curso preliminar de ingreso á Bauhaus impartido por Josef Albers e László Moholy-Nagy, que será o seu mentor no taller de metais, sendo Brandt a primeira muller en poder acceder a este. O uso de formas xeométricas sinxelas, claras e abstractas será tomado como guía por Marianne Brandt, que procurará as formas máis simples e depuradas nos seus deseños de obxectos domésticos como teteiras, cinceiros ou lámpadas. Inspirada na arte, traballará formas como o círculo, a esfera e o cilindro, como se pode apreciar nas lámpadas que deseñou para Kandem, que conxugaba a mobilidade da pantalla e o brazo. Ao saír de Bauhaus, traballou para Walter Gropius no seu taller e en 1930 converteuse na xefa de deseño de metal na fábrica Ruppel Metal Goods en Gotha. Anos máis tarde será profesora na Academia de Belas Artes de Dresde e na Academia de Arte Aplicada de Berlín, xa nos anos cincuenta. Casada co pintor noruegués Erik Brandt, do que tomou o apelido, naceu en Chemnitz en 1983 co nome de Marianne Liebe.
Pioneira no deseño de interiores e de mobiliario, Aino Marsio Aalto foi unha das primeiras arquitectas finlandesas, aínda que moitas das súas obras foron atribuídas exclusivamente ao seu marido Alvar Aalto. Como deseñadora, manexou a pequena escala, xa sexa en arquitectura coas súas vivendas mínimas, como no deseño de cociñas ou en pequenas pezas de vidro para uso doméstico, como as que deseñou para a empresa finlandesa littala. Un exemplo paradigmático é a súa serie de cristal Bölgeblick [vista de ondas], deseñada en 1932 e merecedora da Medalla de Ouro de Deseño da VI Trienal de Milán en 1936. Tamén o deseño do soado vaso Saboy, en coautoría con Alvar Aalto. Aino Marsio recreábase no detalle e nas texturas, sempre desde o funcional e racional, así como cun respecto polo material, sen grandes alardes estéticos nin económicos. Os aros son exemplo dese interese práctico, unha vez que servían para ocultar as irregularidades dun vidro barato prensado. O humano, o cotián e o íntimo dominan o deseño de todos os seus obxectos e arquitecturas, sempre a partir de ideais funcionais e utilitarios. Nada en Helsinqui, graduose como arquitecta no Instituto de Tecnoloxía da súa cidade. En 1935 os Aalto fundaron Artek, unha marca dedicada á creación de accesorios e mobiliario na que combinaban arte e técnica.