De orixe rusa e afincada en Londres, Sonya Dyakova é especialista en deseño editorial e tipográfico. É a directora e fundadora do estudo de deseño interdisciplinar Atelier Dyakova, unha axencia de comunicación visual que traballa con artistas, institucións culturais e marcas innovadoras. É ademais responsable da dirección artística da revista Frieze, que ela mesma redeseñou no ano 2012. O seu interese pola arte e a arquitectura levárona a traballar para estudos como Vince Frost e Kerr/Nobre e a asumir o posto de directora artística de Phaidon Press, empresa á que se incorpora no ano 2005. Durante esta etapa, Dyakova encargouse do deseño de publicacións de arte contemporánea, moda, deseño, arquitectura ou fotografía, traballando xunto a Alan Fletcher. O seu estilo caracterízase pola experimentación conceptual e tipográfica e un profundo interese polos detalles, pola tactilidade de cada deseño e a súa inspiración conceptual.