DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

España

 

Barcelona,1938

Premio Nacional de Deseño en 1988.

Cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Barcelona ’92

Cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Barcelona ’92

É este un dos carteis máis recoñecibles dos anos noventa, grazas á extraordinaria difusión que se lle deu dende o Comité Olímpico Internacional e o Ajuntament de Barcelona. Os Xogos Olímpicos de Barcelona ’92 e a celebración da Expo de Sevilla no mesmo ano supuxeron aos ollos do mundo a entrada de España na Modernidade. De entre ambos acontecementos, as Olimpiadas de Barcelona foron un fito a nivel deportivo e a súa imaxe gráfica —realizada por Josep M. Trias co seu estudio Quod— co seu símbolo e logotipo, e sobre todo a súa mascota Cobi —realizada por Javier Mariscal—, alonxada dos canons e cunha simpática e amable personalidade que lle permitiu afianzarse para lograr se manter na memoria colectiva, serán paradigmas do que é un bo traballo de comunicación. Este cartel de Enric Satué é a terceira pata deste éxito sen precedentes do deseño español, que fixo que moitos cidadáns comezasen a coñecer o nome dos deseñadores e entendesen o deseño como motor económico. Conta o seu autor que os seus fillos lle axudaron a combinar as cores olímpicas nos dedos das mans, achando interesantes asociacións para incorporalas ao cartel orixinal.

 

València

Carteis para o 22 Festival de Jazz de València

Campaña gráfica 22 para o Festival de Jazz de València

Palau de la Música, 2018

Dídac Ballester é deseñador gráfico especializado en proxectos editoriais, de identidade visual e packaging. Tamén realiza proxectos que potencian o cruzamento entre as artes visuais e o deseño desde a reivindicación da sinxeleza, a orde e os detalles. O seu estudo mantén unha pequena estrutura que lle permite traballar moi preto dos clientes, cunha rede de colaboradores flexible e pondo o acento na calidade e a sinxeleza das solucións. Para o 22 Festival de Jazz de València realizou unha serie de carteis de fondos limpos dunha soa cor que permiten resaltar o motivo central: formas orgánicas simulando instrumentos de vento, ou sons que se expanden, dos cales xorde a palabra jazz. Por esta campaña foi galardoado cos premios Premios Laus prata e ADCV prata.

 

Madrid, 1980.

Artista.

S/t

2013

Colaxe

A de Santiago Giralda é unha pintura complexa, móstranos algo inabarcable, non accedemos á totalidade dunha paisaxe da que nunca saberemos o seu tamaño real. A imaxe dada, apropiada do contexto do real, unicamente deixa pistas do que se nos conta, funcionando como unha fisura ou indicio. Os seus traballos, saturados de información, non tratan de describir un acontecemento senón de revelalo para que este sexa escrutado polo espectador, que debe permanecer atento aos múltiples códigos que da súa obra despréndense. Tamén xoga co espazo baleiro, a partir de fisuras, chorretóns ou presentando o soporte en cru coma se se tratara de evidenciar a sensación de fragmento. Indaga así na correspondencia complexa entre o que se ve e como se ve, o visible fúndese co inaccesible, co misterio. Como unha construción sempre inacabada, Giralda asume a súa obra como interface, como pantalla entre o real e o virtual. É algo que se potencia, como neste caso, no pequeno formato, no papel, onde se resolve aínda máis enigmático, con pequenos puntos cromáticos e detalles que nos conducen a outras realidades. Pese ao detalle, todo resulta afastado, non se trata de mirar a imaxe senón a través dela.

 

Ronda, 1970-Madrid, 2017.

Deseñador de moda.

Camiseta Muestra tu herida

David Delfín fixo da moda a súa particular forma de expresión, reivindicando un estilo propio e desenfadado que se deixou influenciar por movementos plásticos como o surrealismo e por artistas como Louise Bourgeois, René Magritte, Buñuel, Pistoletto ou Le Corbusier. Traballando en pos da comuñón entre as diferentes artes, realizou tamén exposicións e levou a cabo traballos de deseño para programas de televisión e proxectos musicais. O seu discurso aparece motivado pola transgresión das fronteiras, buscando na hibridación de disciplinas como a música, o teatro, a pintura ou o cinema un consistente soporte desde o que cal apropiarse de novas ferramentas creativas. Cunha actitude provocadora, sensible e enérxica, os seus deseños, así como a posta en escena das súas coleccións, ofreceron unha nova mirada á moda contemporánea. Joseph Beuys conformou de maneira determinante a identidade creativa de David Delfín e serviu de inspiración en varios dos seus deseños. Nesta camiseta aparecen dúas referencias claras: a cruz vermella como símbolo de sanación (empregada por Beuys en varias das súas obras) e o lema Muestra la herida, que se relaciona coa instalación do mesmo nome realizada polo artista en Múnic (1976) e que referencia a súa propia biografía, o accidente de avión ao que sobrevive (1944) e a necesidade de mostrar a ferida e a debilidade humanas.

 

San Sebastián, 1924-2002.

Artista.

Cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Múnich’72

Recoñecido principalmente como escultor, a obra gráfica de Eduardo Chillida compón unha das súas caras máis descoñecidas pero igualmente interesantes. Entre outros, realizou traballos de ilustración, deseño de carteis e logotipos. A súa faceta como comunicador respondía sobre todo a encargos de diversa índole por parte de institucións, onde foi capaz de transmitir as mensaxes demandadas mantendo os valores e rigor do seu traballo escultórico. Unha das súas pezas máis destacadas foi o deseño do cartel para os Xogos Olímpicos de Múnic en 1972, realizado sobre papel litográfico. Nesta imaxe percíbese o interese pola exploración da liña, o volume e o concepto de baleiro, xoga cos espazos e os contrastes rotundos conducindo a mirada cara arriba e cara abaixo. Expón así unha construción dinámica onde dialogan o orgánico e o xeométrico. A sobriedade da súa linguaxe plástica aparece vinculada á súa obra gráfica coma se fose unha extensión das súas esculturas, aínda que suprimindo o uso da perspectiva. Outro dos seus acenos de identidade é o uso exclusivo do branco e negro como resposta a un pretendido interese por analizar o comportamento dos elementos no espazo e as formas que van debuxando os propios ocos.

 

Madrid, 1937-2018.

Artista.

El Portero

Cartel oficial do Mundial’82. Sede Madrid, 1981

Pintor, escultor e gravador, o traballo de Eduardo Arroyo é estilisticamente próximo aos presupostos da arte pop e a chamada Nova figuración. Interesado por recoller os tópicos e costumes do español, sinalou con ironía e humor varios dos denominados acenos de identidade do país. Os seus inicios co gravado datan da década de 1960, cando comeza a estudar técnicas como a litografía, a punta seca, o augaforte, o linogravado, a augatinta ou a xilografía. O seu estilo é recoñecido polo uso de cores vivas e planas, a sintetización das formas e a ausencia de perspectiva espacial. No cartel realizado para o mundial de fútbol de 1982 podemos apreciar algúns destes trazos: a mirada analítica, as formas silueteadas, a precisión e sobriedade e a integración da cor como elemento determinante para chamar a atención sobre o conxunto. En El portero vemos a un home de costas, cuxa silueta domina por completo a imaxe, mirando cara a un horizonte que se nos sitúa fóra de plano e ataviado cunha indumentaria que non parece a habitual nos equipamentos de fútbol. Xérase entón unha sutil contradición entre o título e a imaxe: mentres o texto sitúanos claramente no contexto do mundial de 1982, a figura fai referencia á soidade do porteiro mentres o xogo está a ser desenvolvido no resto do campo, á vez que o primeiro plano das súas costas referencia o seu papel crucial no partido.

 

Bos Aires, 1939.

Deseñador gráfico.

Cartel Xogos Olímpicos de Barcelona’92

Deseñador gráfico, fotógrafo e debuxante, América Sánchez formouse de modo autodidacta cunha influencia marcada polo Estilo Tipográfico Internacional. Defende un traballo a man alzada, sen o emprego do computador, onde a experimentación e a diversidade de disciplinas concedan riqueza aos recursos gráficos, que pousan en moitas ocasións a mirada na cultura popular e as necesidades sociais. Se encargou do cartel oficial dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 ́, cunha proposta que salienta a sensación de movemento ao xogar coa disposición diagonal das letras, sobrepondo as cores identificativas dos xogos nun fondo azul que achega coherencia ao conxunto.

 

Almazora, 1950.

Deseñador multidisciplinar

Cobi Barcelona 92'

Cartel e outros materiais oficiais da mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, Cobi, 1992

Javier Mariscal desenvolve o seu traballo da través de todo tipo de soportes e linguaxes. No ano 1989 funda o Estudio Mariscal, desde o cal foi conformando un orixinal universo creativo no que prima a transmisión de emocións. A súa intención é fascinar, conmover, a través de solucións innovadoras e unha constante alianza entre a arte e o deseño que consegue transmitir optimismo e frescura. Algunhas destas características podemos atopalas na que é probablemente a súa obra máis recoñecida: Cobi, a mascota creada para os Xogos Olímpicos de Barcelona 92. Cobi representa a un can de estilo cubista cuxo nome está inspirado nas siglas do Comité Organizador das Olimpiadas de Barcelona (COOB). Co propósito de romper os estándares que até entón dominaban os deseños de mascotas no deporte, Javier Mariscal deu vida a un personaxe informal e alegre que acabou converténdose nunha icona popular.

 

Lata de conservas Kairel

Fabricante: 
Fabricadas por Massó Hermanos, S.A.

As primeiras décadas do século XX, a industria do deseño tivo na industria conserveira un dos seus sectores máis cómplices, xunto aos servizos de transporte a América e a súa publicidade. As latas de conservas converteranse no principal soporte para a autopromoción e para o detalle ornamental, xa que proporcionan un aspecto atractivo para o produto acorde con estilos decorativos internacionais. Pretendíanse produtos capaces de convivir harmonicamente nos fogares e de proxectar unha vida mellor, o cal resulta significativo se pensamos no carácter humilde dunha simple lata de conservas. Neste sentido, será, sobre todo, a firma Massó a que consiga un maior músculo internacional. A fábrica Massó xa contaba en 1924 cun coidado catálogo ilustrado e maquetado por Federico Ribas onde se explicaban moi graficamente todas as súas marcas. Entre outras, destaca Kairel, preparada ex profeso para mercados americanos e ilustrada cunha esfinxe e unha palmeira, evocando un exótico aire exipcio.

 

Vigo, 1948 – 2001

Pintor e deseñador gráfico.

Deseños de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro para portadas de libros da Editorial Galaxia

A Editorial Galaxia fundouse en 1950 coa vocación de recuperar a significación histórica e o valor cultural da lingua galega na creación e na transmisión de pensamento. Simultaneamente comezou a publicar a revista cultural Cadernos Grial. Impulsada por ilustres galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto —a quen se lle debe o primeiro logotipo— contará con deseños e ilustracións de artistas como Luís Seoane ou Carlos Maside, aínda que serán os deseños de Xohán Ledo primeiro e de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro despois os que dominen as súas populares portadas.

Páxinas