Cecilie Manz é unha das principais deseñadoras industriais danesas da súa xeración. Co seu traballo amplía o entendemento da función e a estética do deseño desafiando os conceptos establecidos no deseño industrial. O seu traballo abarca xoias, lámpadas, esculturas e mobles, como a súa mesa Mikado, que se incluíu na colección do MoMA. Existe unha gran variedade no seu traballo, pero a súa idea básica sempre destaca a súa funcionalidade e a súa alusión a composicións históricas nos seus deseños á vez que plasma un presente moi claro. Esa combinación do modernismo escandinavo e a funcionalidade reflíctese no deseño da xarra de auga Mínima, producida por Holmegaard.
As obras do arquitecto Álvaro Siza caracterízanse pola harmonía e o diálogo co contexto natural e cultural, así como por un estilo que articula elementos do racionalismo e do organicismo. Co seu traballo colaborou na rexeneración urbana e na construción de vivendas sociais tras a restauración da democracia en Portugal. Posteriormente participou entre moitos proxectos na reconstrución do centro histórico de Lisboa, na construción da facultade de Arquitectura no Porto ou no das piscinas naturais de Matosinhos. Aínda que a súa obra centrouse na arquitectura, a súa paixón polas formas serenas achegouno ao deseño dunha maneira dialogante e sutil, mesmo con obxectos como a súa copa de viño do Porto. Porque para Siza pensar nun edificio ou nunha copa de viño «sempre é unha cuestión de diálogo, de atención».
Os méritos de Aldo Rossi non se limitaron ao campo da arquitectura, senón que foi tamén deseñador, teórico, profesor e escritor. Cun enfoque posmoderno, coñecido como neorrealismo, representa a revitalización do clasicismo austero. Aldo Rossi sempre estivo na procura da innovación e a vangarda. Deseñador da abstracción e da brevidade, cun uso implacable das formas primarias e das xeometrías, deseñou obxectos domésticos como a cafeteira La Cupola, onde se aprecia o uso rigoroso das formas xeométricas e elementais. Estes fundamentos fan que a súa obra, tanto na arquitectura como no deseño, se cargue dunha enorme intensidade poética.
De Vivienne Westwood poderíase dicir que é a autora da radicalidade na moda contemporánea, marcando tendencia no punk e no new wave. A súa roupa deconstruida e desarrapada chegou a vestir a grupos míticos como os Sex Pistols. Naqueles momentos atopaba parte da súa inspiración nos rockers e no fetichismo, utilizando o uso de cremalleiras, chatolas, imperdibles, etc, para levar hoxe esa extravagancia e anarquía como elementos ou ingredientes fundamentais á hora de deseñar roupa, utilizando materiais como a goma, o coiro ou o charol. Westwood nunca casou cun estilo fixo e co tempo foise refinando, aínda que exemplos como o zapato Anglomania que deseñará para Melissa evidencian que o seu traballo segue sendo unha expresión de resistencia ao usual.
Aínda que o seu primeiro interese foi a pintura, Irma Boom apaixonouse moi cedo polo deseño de libros. O seu enfoque experimental produciu notables resultados que conseguiron ampliar os límites do deseño gráfico e que lle valeron numerosos recoñecementos. Esta atrevida visión dos proxectos desafía a convención dos libros tradicionais tanto nas súas formas visuais como no contido impreso. Como deseñadora gráfica, tipógrafa e ilustradora Irma Boom é especialista na confección de libros a base de materiais, formatos ou deseños pouco usuais, configurando os libros como unha paisaxe e tentando crear unha experiencia táctil e sensorial ao deseñalos, procurando a fisicalidade do propio obxecto: cubertas en relevo, páxinas irregulares, etc., que se acaban convertendo nunha forma arquitectónica ou nun obxecto, como advertimos no exemplar 26 Kunstenaars/ 21 locaties. O seu obxectivo no seu proceso creativo é inspirar ao descubrimento e á interacción.
Esta arquitecta e deseñadora francesa foi unha das promotoras da estética industrial modernista nos anos 20 e 30. Charlotte Perriand entendía os mobles máis como artefactos utilitarios que como obxectos autónomos e artísticos suxeitos á domesticidade, en parte pola influencia de traballar no estudo de Le Corbusier, onde adoptou teorías que tiñan que ver co uso de materiais e a súa funcionalidade. Os seus mobles caracterizáronse polas súas formas orgánicas, singularidade que pode apreciarse nas lámpadas de calor que deseñou para Philips, pero tamén no uso de materiais naturais, fortemente inspirados no deseño xaponés, o que facía que tivesen un rotundo aspecto elemental.
Arquitecto e deseñador, Gaetano Pesce traballou para numerosas firmas como B&B, Vitra ou Cassina. A principios dos 60 a súa produción centrouse no mobiliario de deseño, experimentando con novos materiais como a espuma, a resina ou o plástico e formas pouco frecuentes. Os seus deseños xogan coa innovación na linguaxe e coa experimentación cromática mesturada cunha certa ironía. Cunha concepción humanista e experimental do deseño, as súas creacións expresan graza e rotundidade e conectan de maneira directa co usuario. Algunhas das súas pezas forman parte de coleccións de museos como o MoMa de Nova York, o Vitoria and Albert Museum de Londres, o Musée des Arts Décoratifs e o Centre Georges Pompidou de París, entre outros. O Xarrón Spaghetti é un extraordinario exemplo de como no seu traballo explora a fusión e a curiosidade, o deseño artesán e a fabricación industrial, o funcional e a sensualidade humorística, elementos que o converteron nun exemplo destacado da historia do deseño italiano.
Astrid Sampe achegou unha nova vitalidade ao deseño téxtil e un novo sentido de profesionalidade, axudando a demostrar que os límites entre a arte, a artesanía e a produción non teñen por que interferir na creatividade, a visión e a dedicación. Sampe foi unha deseñadora innovadora que deseñou téxtiles modernos de produción industrial, conservando e ampliando ao mesmo tempo as tradicións do deseño téxtil nórdico con motivos de inspiración popular, como podemos ver no deseño de Persson’ s Spice Rack, peza inspirada nos frascos de especias da deseñadora Signe Persson-Melins. Con todo, o seu estilo a miúdo inspirábase en Mondrian —producindo varios deseños para roupa de fogar a partir dos seus referentes xeométricos— e, a medida que avanzaba profesionalmente, en patróns baseados en datos ou xerados por computador. Ao mesmo tempo innovou na produción téxtil e converteuse nunha das pioneiras en utilizar fibra de vidro nas súas teas.
Serigrafía, esmalte acuoso, adhesivo, grafito, cinta adhesiva e grapas sobre papel. 77 x 57 cm
A traxectoria artística de Julião Sarmento comeza a finais dos anos sesenta tras cursar estudos de pintura e arquitectura na Escola de Belas Artes de Lisboa. A principios dos anos oitenta participará en dúas ocasións en Documenta de Kassel, o que impulsará o recoñecemento internacional ao seu traballo. Presente na Bienal de Venecia en tres ocasións, no ano 1997 será o artista escollido para representar a Portugal no certame, e durante 2010 a Tate Modern de Londres dedicaralle unha sala de exposicións permanente en exclusiva. Sarmento desenvolveu unha linguaxe visual multimedia combinando cinema, vídeo, son, pintura, escultura e instalacións cun especial coidado pola imaxe, o deseño de libros e a tipografía. O traballo de Sarmento trata o complexo tema das relacións interpersoais, ademais sempre manexou nas súas obras temas como a interacción psicolóxica, a ambigüidade do significado, a sensualidade, o voyerismo e a transgresión.
O estudio MuirMcNeil céntrase na exploración de métodos sistemáticos e xenerativos en deseño tipográfico, deseño gráfico e imaxe en movemento. Mestres do impredicible, a súa achega no deseño do n.º 94 da revista Eye é un exemplo representativo. Esta portada e contraportada son unha das 8000 pezas numeradas diferentes de ilustracións impresas dixitalmente nunha máquina HP Indigo 10000, en Pureprint e usando HP Mosaic, un programa que permite a impresión de data variable baseada nun só arquivo vectorial «semente». Mosaic permite cambiar o tamaño, rotar e cambiar a paleta de cores da ilustración, recortando para que cada arquivo de portada sexa único. MuirMcNeil conxugan o misterioso e o matemático, o experimental e o ilexible, cuns deseños tan preto dos carteis que Wim Crouwel realizará para o Stedelijk Museum como da pintura cinética de Eusebio Sempere. Paul McNeil é un prestixioso deseñador tipográfico e teórico. Entre as súas publicacións, destaca The Visual History of Type (2017). Foi director do MA Contemporary Typographic Media no London College of Communication. Hamish Muir foi coeditor da revista de tipografía Oitavo (1986-92), cofundador do estudio de deseño gráfico londiniense 8 vo (1985- 2001) e profesor no London College of Communication de 2001 a 2019.