DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Galicia

 

Directora creativa

Material gráfico para Martínez Otero

Fabricante: 
Unconventional London

Nuria Carballo é deseñadora e directora creativa con experiencia internacional en varios sectores como creadora de novas ideas, conceptos e marcas audaces. O estudo do que é fundadora, Unconventional London, é unha firma de innovación, deseño e comunicación con sede en Londres e oficinas en Nova York, Shanghái, Madrid e Lisboa. O seu traballo analiza as tendencias da industria, as relacións e as necesidades sociais para mirar cara ao cambio e propor novas lecturas ou solucións. A creatividade está incentivada pola procura e análise de todo aquilo que a rodea, pero tamén pola atracción de sectores como a poesía, o cinema, a música ou a filosofía, entre outros, que estimulan a asociación de ideas para establecer novas abordaxes creativas. Aliada coa firma galega de fabricación de mobiliario e interiorismo Martínez Otero, Nuria Carballo deseñou diferentes propostas gráficas para a marca unindo os seus potenciais para lograr o equilibrio entre sobriedade e clasicismo.

 

(Xinzo de Limia, 1938 - Vigo, 2019)

Deseñador, editor e publicista.

O Pelegrín

Deseño da mascota e logotipo do Xacobeo 93

Luis Carballo foi un publicista e deseñador ourensán referente no sector. No ano 1959 fundou a súa axencia de publicidade e realizou importantes campañas para a moda galega, sendo o clásico eslogan "La arruga es bella" para Adolfo Domínguez unha das máis mencionadas. Foi tamén fundador da revista Galicia Moda, referente no sector textil dos anos 80. Un dos seus traballos máis icónicos é O Pelegrín, a mascota do Xacobeo de 1993 que supuxo un impulso para o Camiño de Santiago, converténdose en todo un símbolo e alcanzando o recoñecemento internacional. Foi reproducido en todo tipo de formatos: en pins, camisetas, gorras, souvenirs... Desde a sinxeleza dos trazos e a síntese formal, representa a prototípica imaxe dos peregrinos xunto co bastón e a cabaza. Trátase dun deseño alegre, colorido e rompedor que logrou situar o Xacobeo no foco de atención mediante formas xeométricas simples e rotundas.

 

Pontedeume, 1955.

Deseñador.

Galicia Cen

En corenta anos de actividade profesional, o conxunto do traballo de Pepe Barro pode entenderse como unha lectura da Galiza que renova as súas sinais de identidade, incorporando as linguaxes do deseño internacional. Algúns traballos coñecidos: identidade gráfica da Universidade da Coruña ou da empresa Denodo, os primeiros “cuponazos” da Once, a camiseta da Selección Galega de Fútbol, a web da Real Academia Galega, a renovación da Casa de Rosalía de Castro. En 2000 o Museo Reina Sofía, elixiu o de Turgalicia coma un dos cen signos do século XX.O libro Mis queridos diseñadores de Enric Satué dedícalle un capítulo. Este libro é un dos resultados do programa do Consello da Cultura Galega titulado Galicia100. Obxectos para contar unha cultura, que busca difundir a historia e a cultura de Galicia a través dunha selección de cen pezas desde o Paleolítico ata os anos 90 do século XX.

 

Pontedeume.

Deseñadora gráfica.

Gallaecia Petrea

Deseño de materiais para a exposición Gallaecia Petrea na Cidade da Cultura de Galicia, 2012
 

Uqui Permuy é directora de arte e deseñadora gráfica no estudio uqui.net. A súa carreira cubriu unha ampla gama de campos, con especial énfase en proxectos vinculados á esfera da creación contemporánea. Foi a encargada do deseño do catálogo da mostra Gallaecia Petrea (Cidade da Cultura de Galicia, 2012). En sintonía co obxectivo da exposición, achegarse á cultura e á arte galegas a través da historia da pedra, o libro contempla detalles como unha maquetación clara e ordenada e unha selección de materiais, desde o papel interior en offset de 80 gramos reciclado ata a encadernación acolchada, que conxugan diferentes sensacións táctiles. O volume conforma un conxunto entre contundente e lixeiro buscando, en palabras da autora, «o contraste coa materia pétrea que está evocada na portada por un golpe seco coa iconografía da exposición».

 

Valencia, 1993

Artista

Serie Paisajes

Arxila a baixa temperatura bruñida. 12x9 cm

A práctica de Mar Ramón Soriano repousa a atención no comportamento dos obxectos cotiáns en relación ao corpo e ao espazo doméstico. Neste sentido, tamén reivindica unha mirada atenta ao que sucede ao seu redor, reflexionando a través da arte sobre cuestións como o xénero, a fraxilidade ou as relacións entre o individuo, a sociedade e o fogar. O téxtil e a cerámica pronúncianse como os principais materiais do seu traballo, expondo unha ensamblaxe continua entre opostos que acariñan as súas calidades. Volumes, tensións, o duro e brando, xogos e experimentacións formais entre diversos elementos forman parte da metodoloxía de traballo da artista. Con esta peza aproxímanos á terra, xerando unha sorte de paisaxes de arxila que debuxan distintos horizontes e volumes. Visualmente, contemplando a obra poderiamos pensar en movementos como o expresionismo abstracto e a pintura de campos de cor, pero o formato de contidas dimensións, a transposición de elementos escultóricos como o barro ao plano bidimensional ou a sensualidade da paleta cromática apoian outros intereses, centrados na exploración de sensacións táctiles desde un imaxinario intimista.

 

Sevilla, 1934. Artista.

Debuxos sobre portadas de DARDOmagazine

Poucos artistas foron tan insistentes á hora de perseguir a imaxe. Nas súas obras, a imaxe sempre será a imaxe e o seu dobre, o positivo e o seu negativo, a dobrez ou o seu desdobramento. Os xogos
esaxerados, as negacións iconoclastas, a orde desordenada e unha condición neobarroca caracterizan un traballo que é un interminable crebacabezas. Porque Luis Gordillo é un equilibrista das formas,
moitas veces desde o humor, como no caso dos seus debuxos para as portadas de Dardomagazine.

 

Ferrol, 1917 – 2006. Ilustrador.

Deseño de portadas para Editorial Galaxia

Deseño de Xohán Ledo para portadas de libros da Editorial Galaxia, 1965-72

Editorial Galaxia fundouse en 1950 coa vocación de recuperar a significación histórica e o valor cultural da lingua galega na creación e na transmisión de pensamento. Simultaneamente comezou a publicar a revista cultural Cadernos Grial. Impulsada por ilustres galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto —a quen se lle debe o primeiro logotipo— contará con deseños e ilustracións de artistas como Luís Seoane ou Carlos Maside, aínda que serán os deseños de Xohán Ledo primeiro e de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro despois os que dominen as súas populares portadas.

 

Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012

Creador multidisplinar.

Unha serea do mar de Vigo

Fabricante: 
Sargadelos

Proba de figura de Sargadelos deseñada para o Consorcio Zona Franca de Vigo
20x7x8 cm

Xunto a Luis Seoane, Díaz Pardo procurou simbolizar a recuperación de Sargadelos como modelo de industrialización para Galicia e da superación das súas frustracións históricas; e investir os beneficios da actividade industrial en investigación tecnolóxica, de deseño, histórica e cultural. A serea ou muller-pez é un dos personaxes da mitoloxía galega que podemos atopar en contos populares e tradicións costeiras. Esta peza redunda na intención de levar a historia, mitoloxía e formas de Galicia ao coñecemento de todas as persoas a través do deseño.

 

 

Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012

Creador multidisplinar.

Cadeira

Fabricante: 
Sargadelos

Cadeira, 1963
76x42x46 cm

Isaac Díaz Pardo concibía o deseño de mobiliario como un aspecto fundamental do seu traballo, ideando diferentes modelos de cadeiras que exploraban a ergonomía, o impacto visual, a conexión coa tradición e o emprego de materiais nobres como a madeira. 

 

Argentina, 1910 – Galicia, 1979

Deseñador, pintor, escritor

Paisaxe

Paisaxe, 1979

Tapiz, 120 x 80 cm

A finais dos anos setenta, Luis Seoane e María Elena Montero crearán conxuntamente unha serie de tapices practicamente inéditos desde a súa presentación pública hai máis de 40 anos. A Fundación DIDAC recuperou no ano 2019 eses tapices e expúxoos xunto con algúns dos cartóns orixinais deseñados por Luis Seoane. Os tapices, realizados por María Elena Montero en Sada, son fieis a riqueza cromática das pinturas de Seoane. Foi esta unha colaboración verdadeira, de respecto e creatividade común. Seguramente por iso, Seoane insistiu en que a firma fose conxunta, a ambos os dous lados do tapiz. Seoane e Montero viaxaban xuntos coas súas respectivas parellas a Astorga en procura das lás, para posteriormente realizar unhas guías de cores Pantone que lles servían de guía cromática. El levaba un deles para Arxentina e ela quedaba co outro en Sada. Desde o exilio Seoane deseñaba os cartóns, colocando o número da cor correspondente a cada parte. Despois, enviaba os cartóns a Galicia e María Elena Montero realizábaos no seu taller. Nestes tapices están as nosas lendas, a historia de Galicia e os seus mitos. Orixinalidade e tradición.

Páxinas