DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Galicia

 

Cambados, 1957

Artista

Frutero

Fabricante: 
Sargadelos

Francisco Leiro bebe da tradición escultórica española do século xx, recollendo as súas influencias para adaptalas a un vocabulario persoal infestado de formas bastas e rotundas que aluman a expresión do humano. O seu imaxinario abraza fontes tan diversas como o surrealismo, o popular e a mitoloxía, que terminan por conformar o carácter expresivo e xenuíno das súas propostas. A forza que imprimen as súas figuras, con torsións ás veces imposibles e xestos suxestivos, leváronlle a alcanzar prestixio internacional. Francisco Leiro colaborou coa fábrica de Sargadelos na elaboración de catro pezas escultóricas: El Frutero, Guardia Civil, Castelao e Barco Preto. Leiro soubo adaptar os seus acenos de identidade ás necesidades dunha industria como Sargadelos, ao seu contido, ao seu formato e ás características dun produto de deseño. Tanto El Frutero como Barco Preto repousan a atención no cotián a través dun xogo de equilibrios e sínteses compositiva. A primeira obra recolle a tradición pictórica do bodegón desde a subversión da cor e a forma, mentres a segunda achégase ao costumismo subliñando o movemento, conxelando o instante e a expresión.

 

Artesá zoqueira

Vila de Cruces, 1975

Zoco Martixe

Elena Ferro pertence á terceira xeración dunha familia de zoqueiros que data do ano 1915. Baixo a marca Eferro logrou transformar un artigo asociado ao rural nun complemento de moda, traballando na reinvención do oficio para integrar deseño e ergonomía co obxectivo de salvagardar os nosos acenos culturais. En liña con outros dos seus produtos, estes zocos destacan polo emprego de cores atrevidas e estampados vibrantes en sintonía coas tendencias actuais, establecendo unha ponte entre a modernidade e os saberes máis ancestrais. Recoñecemos aquí o carácter identitario do zoco a través dunha sorte de mutación en forma de múltiples perfís. Prodúcese, en todo o seu traballo, unha confluencia entre diferentes realidades onde o cotián e a ironía discorren a través dun xogo formal de similitudes.

 

Directora creativa

Libros da marca Martínez Otero

Fabricante: 
Unconventional London

Nuria Carballo é deseñadora e directora creativa con experiencia internacional en varios sectores como creadora de novas ideas, conceptos e marcas audaces. O estudo do que é fundadora, Unconventional London, é unha firma de innovación, deseño e comunicación con sede en Londres e oficinas en Nova York, Shanghái, Madrid e Lisboa. O seu traballo analiza as tendencias da industria, as relacións e as necesidades sociais para mirar cara ao cambio e propor novas lecturas ou solucións. A creatividade está incentivada pola procura e análise de todo aquilo que a rodea, pero tamén pola atracción de sectores como a poesía, o cinema, a música ou a filosofía, entre outros, que estimulan a asociación de ideas para establecer novas abordaxes creativas. Aliada coa firma galega de fabricación de mobiliario e interiorismo Martínez Otero, Nuria Carballo deseñou diferentes propostas gráficas para a marca unindo os seus potenciais para lograr o equilibrio entre sobriedade e clasicismo.

 

Madrid, 1951

Ilustrador e deseñador gráfico

Deseños de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro para portadas de libros da Editorial Galaxia

A Editorial Galaxia fundouse en 1950 coa vocación de recuperar a significación histórica e o valor cultural da lingua galega na creación e na transmisión de pensamento. Simultaneamente comezou a publicar a revista cultural Cadernos Grial. Impulsada por ilustres galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto —a quen se lle debe o primeiro logotipo— contará con deseños e ilustracións de artistas como Luís Seoane ou Carlos Maside, aínda que serán os deseños de Xohán Ledo primeiro e de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro despois os que dominen as súas populares portadas.

Páxinas