O traballo de Konstantin Grcic persegue unha harmonía entre a historia da arte, a arquitectura e o deseño desde un enfoque que acolle funcionalidade e esencia. O seu estudo, Konstantin Grcic Industrial Design (KGID) (fundado en 1991), aborda proxectos de diferente índole onde se bifurcan campos como o deseño industrial ou de interiores, o deseño de produto ou o expositivo. Cun gran coidado na elección dos materiais, as súas propostas destilan pureza e sinxeleza partindo dun proceso de revisións e descartes que permite esquematizar as formas, xogar co enxeño e compor desde unha singular rigorosidade visual e conceptual. Coa lámpada Mayday, gañadora do Compasso d’Ouro da ADI (Asociación de Deseño Industrial de Italia) no ano 2001, Konstantin Grcic logrou redefinir as tipoloxías e usos habituais das luminarias, conformando un obxecto adaptable a diversos espazos e situacións, cun deseño de estilo industrial, flexible e lúdico que activa a interacción co usuario. Do mesmo xeito que sucede no resto dos seus proxectos, a versatilidade, e sobre todo o carácter xenuíno, son o resultado de múltiples investigacións que comparten unha base de innovación, aprendizaxe social e análise formal e material.