DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Greiman, April

 

EE.UU, 1948

Pioneira do deseño gráfico por ordenador

The Modern Poster

Cartel para The Museum of Modern Art. NY

O desafío á cuadrícula que propoñía Wolgang Weingart anos atrás será asumido como máxima dalgúns dos seus alumnos máis avantaxados como April Greiman, Dan Friedman ou Willi Kunz que negaron a noción de estilo, aínda que se lles etiquetará dentro do que se coñece como tipografía new wave. Todo iso insérese no auxe da actitude libertaria proposta polo posmodernismo, que comezará a impoñerse, rexeitando o dogma dos estilos modernos. É un momento de ruptura de convencións, onde as tipografías mesturan tamaños e pesos e en moitos casos flotan na superficie, como advertimos en deseños paradigmáticos como o cartel da exposición The Modern Poster de April Greiman para o MoMA de Nova York. Son os deseños de Greiman os que supoñen un punto de inflexión en tanto que obedecen a unha nova concepción do espazo, procurando unha nova dimensión de profundidade a partir de liñas en diagonal que invisten a perspectiva ao modo do Lissitzky. En moitos deseños de Greiman as formas retroceden no espazo e móvense cara atrás e cara a adiante, xerando un espazo dinámico ata entón inédito. Greiman foi pioneira á hora de utilizar o Macintosh e así conseguiu ampliar os límites do deseño burlando o escepticismo tecnolóxico da gran maioría do momento.