Deseñadora gráfica alemá formada na Universidade de Arte e Deseño de Karlsruhe, onde comezou a traballar para o sector cultural no deseño editorial, de carteis e identidade corporativa. En 1998 inicia as súas colaboracións para Phaidon Press introducindo un novo enfoque nas publicacións de arte. Actualmente é a directora creativa da editorial, dirixindo o departamento de deseño. Especializada en arquitectura, arte, fotografía e deseño, Phaidon cultivou grandes éxitos cos seus catálogos, coñecidos pola calidade e a súa capacidade de transmitir a experiencia da arte a través do papel. A mirada de Julia Hasting contribuíu á consolidación da editorial, traballando cada parte do libro como un conxunto interconectado onde estética, contido e composición terminan por compor un obxecto único. Visualmente atraentes, as súas propostas convidan ao descubrimento como parte do exercicio da lectura.