Diego Lara logrou modernizar a imaxe do deseño editorial en España a partir dos anos setenta. Ligado desde un inicio ao ámbito cultural e artístico, colaborou coa feira de arte ARCO e foi responsable gráfico das publicacións da fundación Juan March entre 1974 e 1982, ademais de participar da dirección de revista Poesía, editada polo Ministerio de Cultura, entre 1979 e 1981. O seu estilo supuxo, dalgunha maneira, un cambio de paradigma nos proxectos gráficos e culturais da época, destacando unha liña visual conceptual e elegante de potente influencia pictórica. Trece de nieve foi un proxecto editorial sobre poesía dirixido por Gonzalo Armeiro e Mario Hernández que incluía unha serie de libros, cadernos e unha revista. Diego Lara encargouse da imaxe de portada do número 5/6, para a cal tomou a imaxe da escultura American Nude (1963) do artista pop Charles Frazier. Esta réplica da icónica botella de coca cola á que o artista engade atributos femininos (obxectualizando o concepto de corpo en relación ao consumo) é trasladada por Lara ao formato bidimensional para outorgar un novo significado onde a crítica e a ironía manteñen a súa vixencia a través da cor.