Francisco Leiro bebe da tradición escultórica española do século xx, recollendo as súas influencias para adaptalas a un vocabulario persoal infestado de formas bastas e rotundas que aluman a expresión do humano. O seu imaxinario abraza fontes tan diversas como o surrealismo, o popular e a mitoloxía, que terminan por conformar o carácter expresivo e xenuíno das súas propostas. A forza que imprimen as súas figuras, con torsións ás veces imposibles e xestos suxestivos, leváronlle a alcanzar prestixio internacional. Francisco Leiro colaborou coa fábrica de Sargadelos na elaboración de catro pezas escultóricas: El Frutero, Guardia Civil, Castelao e Barco Preto. Leiro soubo adaptar os seus acenos de identidade ás necesidades dunha industria como Sargadelos, ao seu contido, ao seu formato e ás características dun produto de deseño. Tanto El Frutero como Barco Preto repousan a atención no cotián a través dun xogo de equilibrios e sínteses compositiva. A primeira obra recolle a tradición pictórica do bodegón desde a subversión da cor e a forma, mentres a segunda achégase ao costumismo subliñando o movemento, conxelando o instante e a expresión.