Recoñecida polos seus carteis asociados ao rock clásico e ao movemento psicodélico, Bonnie MacLean foi un dos grandes nomes presentes no deseño dos anos sesenta, artista chave dese momento histórico que, a pesar de realizar unicamente 32 carteis, fíxoo para concertos memorables de The Doors, Hendrix, Led Zeppelin, Pink Floyd ou The Who. O seu estilo, inspirado no Art Noveau e na caligrafía lettering, conseguiu diferenciarse do de outros cartelistas do momento ao xogar coas formas orgánicas e imaxes con lixeiras tinguiduras fantásticas e místicas, nas que o rostro adoitaba aparecer de modo recorrente. Na proposta que fai para o Teatro Filmore aprécianse algunhas destas características, aínda que reduce nesta ocasión a escala cromática e suprime a figuración apostando por un xogo perceptivo similar ás propostas visuais da arte óptica. Co paso do tempo, os seus carteis convertéronse en icónicos e inclúense en coleccións de museos como o Museo de Brooklyn, os Museos de Belas Artes de San Francisco, o Museo de Arte Moderna de San Francisco e o MoMA de Nova York.