Javier Mariscal desenvolve o seu traballo da través de todo tipo de soportes e linguaxes. No ano 1989 funda o Estudio Mariscal, desde o cal foi conformando un orixinal universo creativo no que prima a transmisión de emocións. A súa intención é fascinar, conmover, a través de solucións innovadoras e unha constante alianza entre a arte e o deseño que consegue transmitir optimismo e frescura. Algunhas destas características podemos atopalas na que é probablemente a súa obra máis recoñecida: Cobi, a mascota creada para os Xogos Olímpicos de Barcelona 92. Cobi representa a un can de estilo cubista cuxo nome está inspirado nas siglas do Comité Organizador das Olimpiadas de Barcelona (COOB). Co propósito de romper os estándares que até entón dominaban os deseños de mascotas no deporte, Javier Mariscal deu vida a un personaxe informal e alegre que acabou converténdose nunha icona popular.