Vítor Mejuto non é un pintor á moda, moi ao contrario, deixouse seducir polos seus «lugares» cando pinta dun modo tan firme e cando soubo ampliar ese repertorio para asumir os doutros e indagar reflexivamente sobre eles. Se preguntamos sobre os seus referentes, podería desdobrar a súa lista e comezar citando innumerables artistas entre os que seguramente se escoitarían nomas como o de Frank Stella, Palazuelo, Mondrian ou Josef Albers. Unha das achegas máis interesantes da súa obra apreciámola en Cinemascope, e radica na capacidade de transmitir a sensación de orde sen disimular as liñas anteriores á imaxe, obrigándonos a compartir as imperfeccións que rodean os procesos previos ao traballo acabado.