DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Moar, Verónica

 

A Coruña, 1978 

Artista e ceramista

Nordés

Porcelana, pigmentos cerámicos e cabo de esparto/medidas variables

Esta obra forma parte dun conxunto de pezas que configuran o proxecto Portas do mar realizado en 2021. O seu título, Nordés, fai referencia ao vento característico do clima atlántico pero a obra remite principalmente á comunicación. As pezas que a compoñen conteñen as marcas dos mariñeiros, "marcas poveiras", un sistema de comunicación visual empregado polos pescadores de Póvoa de Varzim (Portugal) durante séculos. Ademais, a través da apropiación desta escritura primitiva, as siglas do nome propio da ceramista transfórmanse en remo, gaivota e anzol reproducidas a man, como un esgrafiado, sobre a porcelana.

 

A Coruña, 1978 

Artista e ceramista

Fenda

Gres, óxidos e porcelana 34x30x6 cm

Verónica Moar é ceramista e artista multidisciplinar. O seu é un traballo poético, que respecta o oficio. Un traballo que busca o esencial, pero que conta historias, dun modo moi narrativo, talvez porque procede do mundo das letras e por iso aplica unha sorte de linguaxe persoal, que se enmarca no vivido, na memoria como punto de partida. Exposicións súas como Lítica reúnen o artesanal, o poético-narrativo e o performativo, tres características apegadas á súa traxectoria na cerámica creativa, para conformar unha reflexión sobre as fronteiras actuais da cerámica como material pero tamén como recurso expresivo. Apegada a interpretar a paisaxe como materia e como forma, Verónica Moar tómao como punto de partida, pero tamén de chegada, abrazando Galicia como laboratorio natural.